Técnicos de Lyon e Porto resaltan o sistema de compostaxe da Deputación
Por Redacción
Representantes da Universidade de Lyon e do Serviço Intermunicipalizado de Gestão de Resíduos do Grande Porto en Portugal (LIPOR) finalizaron este martes a súa formación sobre o Plan Revitaliza de compostaxe na provincia.
Segundo informa a Deputación, as persoas visitantes destacaron a sistematización do traballo por parte das mestras e mestres composteiros, que teñen establecido un calendario de actividades para o tratamento dos residuos orgánicos nos centros de compostaxe comunitaria.
Este sistema contempla a existencia dunha proporción necesaria de estruturante para facer unha mistura correcta cos residuos orgánicos, os momentos nos que se deben facer volteos do material, as medicións continuas de temperaturas, os tempos nos que se enchen os módulos en función da participación cidadá, ou as trasfegas entre módulos para a maduración do compost.
Todas esas tarefas, explicou o persoal provincial, están totalmente controladas e supervisadas dado que os datos de cada centro de Compostaxe se van volcando de maneira periódica na aplicación informática do Revitaliza (APP Revitaliza). Deste xeito, a trazabilidade do proceso está controlada e cando se detecta algún tipo de anomalía pódese detectar onde se produciu.
Por outra banda, os representantes de Lyon e de LIPOR subliñaron a idoneidade do Revitaliza e a Compostaxe en quilómetro cero para poboacións coa densidade dos concellos da provincia, xa que consigue un grande aforro económico ao evitar o transporte dos biorresiduos e ter que incineralos. Ese aforro utilízase en parte para o mantemento dos centros de compostaxe comunitaria e a contratación do persoal necesario.
A comitiva internacional destacou tamén que o tratamento en quilómetro cero dos biorresiduos mediante compostaxe axuda a cumprir os requirimentos europeos de reciclaxe, xa que a parte da bolsa de lixo está conformada en máis dun 55% por restos de comida e alimentos. Se non se composta esa parte é difícil chegar ao 50% de reciclaxe que marca a UE como meta para este ano 2022.
Entre o persoal especializado que chegou de Lyon está Muriel Maillefert, profesora de Desenvolvemento e Urbanismo e directora do proxecto; Pierre Ulrich, referente da asociación Eisenia, especializada en compostaxe de proximidade; e dous internos do mesmo equipo. Da contorna de Porto estivo presente durante dúas semanas na provincia o técnico superior da Unidade de Educación Ambiental de LIPOR, Luis Campos, e nesta xornada incorporáronse outras catro compañeiras e compañeiros.
Relacionadas:
-
Mosquera cualifica de "revolución" o contido da nova Lei sobre tratamento de residuos que prohibe as queimas agrícolas
Por Anxo Lourido |
-
Dezaseis concellos da provincia participan na viaxe do Plan Revitaliza a Cataluña, País Vasco e Navarra
Por Redacción |
-
Representantes do goberno de Israel interésanse pola fórmula de compostaxe do Revitaliza
Por Redacción |
-
O Plan Revitaliza dará un "salto adiante" cunha nova fase centrada na parte normativa deste modelo de xestión de residuos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O norte de Portugal estuda o modelo de xestión de residuos do Plan Revitaliza
Por Redacción |