Javier Olleros, único cociñeiro galego con dúas Estrelas Michelin, recibirá a Medalla Castelao
Por Alejandro Espiño
Unha Medalla Castelao viaxará ata O Grove. O cociñeiro Javier Olleros, propietario do restaurante Culler de Pau, recibirá a máxima distinción de honra que outorga anualmente a Xunta de Galicia. Será nun acto que se celebrará o vindeiro martes 28 de xuño.
Olleros, único chef galego con dúas Estrelas Michelin no seu haber, recibirá este galardón tras "facer historia" ao obter este recoñecemento.
Así, a Xunta quere recoñecer o labor dun profesional "sempre disposto a promocionar a gastronomía galega", segundo destacou o presidente Alfonso Rueda.
As Medallas Castelao outórganse ás persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica, que lles fan dignos de obter o recoñecemento do pobo galego.
Nesta ocasión, outorgaranse cinco distincións. A título individual, ademais do cociñeiro meco, recibiraa o político vigués Camilo Nogueira, un dos pais do Estatuto de Autonomía; e o xornalista Javier Sánchez de Dios, cronista do Faro de Vigo desde 1972.
Os recoñecementos a nivel colectivo serán para a Coral Polifónica El Eco, da Coruña, que celebra o seu 140 aniversario; e o equipo de fútbol sala feminino Pescados Rubén de Burela, tras ser campioas en Europa e ser nomeadas como mellor equipo do mundo.
Relacionadas:
-
Javier Olleros, protagonista do primeiro documental da escola de alta cociña Le Cordon Bleu Madrid
Por Redacción |
-
Culler de Pau, 'punta de lanza' dunha nova rede que busca que Galicia sexa "referente" en turismo sostible
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros, entre os candidatos ao premio de 'mellor chef do mundo'
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra renova as súas 'estrelas' e Galicia aumenta á súa constelación gastronómica
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros, un "activista do verde" premiado como Cociñeiro do Ano en Madrid Fusión
Por Alejandro Espiño |