Culler de Pau, 'punta de lanza' dunha nova rede que busca que Galicia sexa "referente" en turismo sostible
Por Alejandro Espiño
Galicia Destino Sostible é a denominación do club de produto que presentaron este luns a Xunta de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia, unha iniciativa coa que afianzar a comunidade galega como un referente en turismo sostible.
O acto de presentación deste club celebrouse no restaurante Culler de Pau, no Grove, o único de Galicia con dúas Estrelas Michelin e que, desde hai anos, xestiona a súa propia horta ecolóxica que fornece ao establecemento de gran parte dos seus produtos culinarios.
O club Galicia Destino Sostible integrará toda a oferta turística deste tipo que hai no territorio galego, traballando "man a man" cos operadores turísticos interesados en ofrecer produtos turísticos "máis sostibles", segundo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O obxectivo desta iniciativa será asesorar e financiar a posta en marcha de iniciativas sostibles, que cada vez demandan máis turistas porque, destacou Rueda, "xa non só queren recibir un servizo senón vivir unha boa experiencia".
"É o momento de apostar pola calidade e pola sustentabilidade", subliñou o presidente galego, que estivo acompañado na súa visita polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o propietario de Culler de Pau, o cociñeiro Javier Olleros.
A creación deste club permitirá agrupar nun único catálogo toda a oferta turística sostible de Galicia, o que facilitará a procura dos viaxeiros e aumentará a visibilidade das empresas do sector que aposten por este tipo de ofertas.
Para poder formar parte deste club, as empresas deberán cumprir unha serie de requisitos vinculados co respecto ao medio ambiente, entre elas, a xestión de residuos, a eficiencia enerxética ou o aforro no consumo de auga.
O restaurante Culler de Pau será un dos grandes referentes deste club, ao levar anos apostando por un modelo sostible e que segundo os propio Olleros, ten como "prioridade" o respecto pola contorna ao apostar polo produto local e pola economía circular.
Relacionadas:
-
Javier Olleros, protagonista do primeiro documental da escola de alta cociña Le Cordon Bleu Madrid
Por Redacción |
-
Culler de Pau, o restaurante que confía "no verde" para non perder as súas raíces
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros: "A comida que damos aos nosos nenos e maiores é unha basura"
Por Redacción |
-
Javier Olleros, único cociñeiro galego con dúas Estrelas Michelin, recibirá a Medalla Castelao
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra renova as súas 'estrelas' e Galicia aumenta á súa constelación gastronómica
Por Alejandro Espiño |