Javier Olleros, entre os candidatos ao premio de 'mellor chef do mundo'
Por Alejandro Espiño
O recoñecemento de 'mellor chef do mundo' volve estar en xogo. Tras Dabiz Muñoz, que logrou facerse co título na edición de 2021, os premios The Best Chef Awards iniciaron a conta atrás para elixir o gañador deste ano.
E, entre os novos candidatos, haberá polo menos un cociñeiro galego. Trátase de Javier Olleros, o único chef de Galicia que conta con dúas Estrelas Michelin, as que logrou merecidamente para o seu restaurante Culler de Pau, no Grove.
El é un dos cen novos candidatos de todo o mundo que optan non só a este premio, senón a situarse no olimpo da gastronomía mundial.
Na presentación que acompaña a estes prestixiosos galardóns, o propio Olleros destaca sobre a súa cociña que, a pesar das influencias doutros compañeiros, "o meu referente é o meu pai", do que aprendeu "todo o que sei deste negocio".
A procura da excelencia é o piar do seu día a día, explica o chef pontevedrés, xunto co compromiso co cliente, co medio ambiente ou cos seus provedores e a súa paixón pola cociña, que lle fai "manter espertos os nosos sentidos".
"Practicamos unha cociña natural e de proximidade, sen fundamentalismos e con raíces", engade a alma de Culler de Pau, que suma a todo iso o uso de produtos sostibles e as influencias que recibiu por parte de diferentes gastronomías de todo o mundo.
O xurado dos The Best Chef Awards, composto por cociñeiros, xornalistas, blogueiros e fotógrafos, todos eles ligados á gastronomía, deberá elixir ao novo " top 100" da cociña mundial, de entre os cen que entraron na lista o ano pasado e os cen novos candidatos.
Javier Olleros, un destes cen chefs que optan a ser incluídos nesta lista, buscará entrar nesta clasificación da que, o pasado ano 2021, formaron parte trece cociñeiros españois, entre eles Andoni Luís Aduriz, Joan Roca, Martín Berasategui, Eneko Atxa ou Paco Roncero.
Relacionadas:
-
Javier Olleros, protagonista do primeiro documental da escola de alta cociña Le Cordon Bleu Madrid
Por Redacción |
-
Culler de Pau, o restaurante que confía "no verde" para non perder as súas raíces
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros, único cociñeiro galego con dúas Estrelas Michelin, recibirá a Medalla Castelao
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra renova as súas 'estrelas' e Galicia aumenta á súa constelación gastronómica
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros, un "activista do verde" premiado como Cociñeiro do Ano en Madrid Fusión
Por Alejandro Espiño |
-
As máscaras éticas chegan á cociña galega
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros será nomeado fillo predilecto do Grove
Por Redacción |
-
Javier Olleros, tras recibir dúas Estrelas Michelin: "Galicia é o lugar que me permite ser o que son"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |