"Man tendida" do PP a Landín e os concelleiros descontentos coa nova xestora de Barro
Por Natalia Puga
O secretario xeral do PP de Pontevedra e candidato a presidente provincial, Luís López, quixo calmar os ánimos caldeados no seo do partido en Barro e ofreceu "man tendida a Landín", en referencia a José Antonio Landín, ex alcalde e ex presidente na localidade, que nos últimos días amosou o seu malestar coa forma na que se designou unha xestora.
A preguntas dos medios de comunicación, Luís López sinalou o seu desexo de non entrar en polémica e insistiu en que esa man tendida está dirixida a toda aquela persoa que "queira vir para a causa", sobre todo o ex alcalde, do que lembrou que "tanto ten que aportar".
Sobre Landín tamén sinalou que foi alcalde moitos anos e "tan bos resultados lle deu a Barro".
Nos últimos días, o ex alcalde reprochou á dirección provincial do partido que impuxo unha xestora que preside Eduardo Ruadas, pero o seu xefe de filas asegura que o nomeamento da xestora forma parte dun proceso aberto en todos os concellos da provincia onde "hai que definir equipos, candidatos e candidaturas".
De feito, asegura que houbo reunións previas de escoita a militantes e el persoalmente tivo unha reunión con Landín "a efectos de lanzar un novo proxecto que sumara moita xente, creara ilusión e reforzara o partido". Como resultado, tomouse a decisión de formar a xestora que preside Ruadas.
Tamén quixo aclarar que Ruadas non está nomeado candidato e que están abertos a "incorporar a todo aquel que queira sumar ao proxecto do PP".
Esta man tendida chega despois de semanas de desencontros que manteñen un partido fragmentado e mesmo xa se da por feito de que haberá unha escisión e nas próximas eleccións municipais de 2022 antigos integrantes do partido, entre eles Landín, presentaranse ante outras siglas.
Mesmo está xa sobre a mesa a posibilidade de Landín e os concelleiros José Suárez e Lucho Martínez deixen de formar parte do grupo municipal do PP e pasen a ser non adscritos. Desta maneira, tan só quedaría baixo as siglas do partido Alberto Diaz.
Relacionadas:
-
Oficialízase o paso de tres concelleiros do PP de Barro ao grupo de non adscritos
Por Redacción |
-
Tres concelleiros consuman o cisma no PP de Barro
Por Natalia Puga |
-
Luis López agradece o "respaldo inmenso" e presenta 2.363 avais para presidir o PP de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Fragmentación no PP de Barro, con movementos para unha escisión e ameaza de denuncias
Por Natalia Puga |
-
Luis López optará a suceder a Rueda no PP pontevedrés: "Non rehúso as responsabilidades"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP de Barro deixa atrás a época de Landín Eirín cunha nova xestora que presidirá Eduardo Ruadas
Por Redacción |