Fragmentación no PP de Barro, con movementos para unha escisión e ameaza de denuncias
Por Natalia Puga
O conflito interno que manteñen desde hai meses no seo do PP de Barro subiu de nivel nos últimos días e esta semana xa ninguén dubida de que se producirá unha escisión e nas próximas eleccións municipais de 2022 antigos integrantes do partido, entre eles o ex presidente e ex alcalde José Antonio Landín, presentaranse ante outras siglas.
A fragmentación é xa máis que evidente e, a pesar de que ninguén confirma abertamente a creación deste novo partido, todos o dan por feito e mesmo empeza a falarse de que a candidatura a encabezaría Landín. Consultado por PontevedraViva, el nega este extremo e asegura: "non teño afán de protagonismo".
Eses movementos para unha escisión son o colofón a un conflito que se remonta un ano atrás e que viviu o seu punto de non retorno o pasado 31 de maio, cando o PP provincial de Pontevedra anunciou a través dunha nota de prensa que se nomeaba unha nova xestora, que preside Eduardo Ruadas. O anunciou sentou mal nunha parte do partido, que non sentiu representada e asegura que non foi consultada para esta renovación.
A partir de aí, a fragmentación foi a máis e esta pasada fin de semana púidose ver sen ningún xénero de dúbidas na VIII Gala Solidaria Música por Alimentos celebrada en Curro, na que unha parte do PP manifestou abertamente o seu malestar e deulle o seu apoio a Landín.
Esa división materializarase no Pleno da Corporación co paso de tres concelleiros ao grupo mixto. Manterán a acta de concelleiros, pero non seguirán dentro do PP José Antonio Landín e os concelleiros José Suárez e Lucho Martínez, quedando tan só Alberto Diaz representando as siglas do PP.
Aínda non decidiron se ese movemento farase no próximo pleno ou dentro dun mes. Consultado por este xornal, Landín sinalou que aínda non é definitivo, pero outras fontes aseguran que si.
Landín si recoñece abertamente o seu malestar por "como se fixeron as cousas" e tamén que o conflito subiu tanto de ton que chegaron a producirse situacións de acoso. Así refire que a parte do partido que se mostra discrepante coa liña oficial está a recibir acoso por parte, segundo el indica, de "carguillos do PP e da xestora".
Segundo explicou Landín, este martes comunicoulle ao PP provincial que "se seguen acosando politicamente, presentaremos unha denuncia por acoso ante a Garda Civil". Falan de que "nos están machucando" e o ex alcalde sinala que "non imos buscar lea, pero defendernos, si". Tamén asegura que "se nos deixan tranquilos, non imos á Garda Civil".
Nos últimos días, esta división pódese ver tamén a través do perfil de Facebook Barro TV, vinculado ao PP desde hai tempo e que nas últimas xornadas deu o seu apoio a Landín, que acaba de cumprir 74 anos, nun momento no que " algúns dirixentes do PP traballan agora para apartar da vida política a Landín". Engaden críticas: "se puxese ese mesmo interese e capacidade en gañar outras alcaldías, igual terían hoxe a Deputación de Pontevedra".
O histórico ex alcalde de Barro critica que estes problemas levan máis dun ano e que el mesmo leva "máis dun ano tentando que ou hoxe presidente da Xunta, antes presidente do PP provincial, puidera falar". Segundo asegura, chegaron a citarse en catro ocasiones e " sempre anulaba ou pospoñía a última hora porque tiña moito traballo".
No últimos catro ou cinco meses explicou ao partido e ao secretario xeral do PP de Pontevedra, Luís López, "por activa e por pasiva" que había que buscar unha solución e convocar un congreso no que nomear unha xunta directiva. Con todo, finalmente, optouse por nomear a xestora.