Tres concelleiros consuman o cisma no PP de Barro
Por Natalia Puga
O conflito interno que manteñen desde hai meses no seo do PP de Barro consumouse. Tres dos catro concelleiros do grupo municipal do Partido Popular acaban de confirmar esta escisión ao deixar o grupo e pasar a ser edís non adscritos.
Os concelleiros José Antonio Landín, José Suárez e Lucho Martínez asinaron un escrito que acaban de presentar no Concello de Barro dirixido ao alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, no que comunican o seu paso a un grupo de concelleiros non adscritos.
A renuncia formalizarase no próximo Pleno da Corporación, previsto para finais de xullo, e, tal e como eles comunicaron este martes, "nos próximos plenos xa non representarán ao Partido Popular de Galicia en Barro".
Desta forma, o PP pasará a ter só un concelleiro en Barro, Alberto Diaz.
A pesar de que ninguén o confirma abertamente, os concelleiros dimisionarios están a facer movementos para a creación dunha nova formación política baixo a que presentarse ás eleccións municipais de 2023. Todo apunta a que poderá ser baixo o nome XBarro e a candidatura encabezaríaa o ex alcalde José Antonio Landín.
O conflito viviu o seu punto de non retorno o pasado 31 de maio, cando o PP provincial de Pontevedra anunciou a través dunha nota de prensa que se nomeaba unha nova xestora, que preside Eduardo Ruadas. O anunciou sentou mal nunha parte do partido, que non sentiu representada e asegura que non foi consultada para esta renovación, aínda que o secretario xeral do PP provincial e candidato á Presidencia, Luís López, asegura que si houbo conversacións e tendeu a man a todos.
RESPOSTA DO PP
"Nós lamentamos isto. Pero, desde logo, respectámolo", dixo este mércores Luís López, o secretario xeral do PP de Pontevedra e candidato a presidente provincial.
Luís López explicou que "no concello de Barro veñen mantendo distintas conversacións con militantes, simpatizantes, incluído tamén Landín, eu reuninme persoalmente con el e despois adoptáronse as decisións".
Asegura que "o propio Landín, exalcalde, anunciou en numerosas ocasións que se quería marchar, que quería deixar o proxecto do PP". Ante esa decisión, segundo Luís López "continuouse con ese proceso de escoita e fixéronse os deberes, a efectos de constituír unha xestora en base á cal se vai a configurar a estrutura e reforzar o proxecto do Partido Popular ata chegar ao momento de elixir o candidato ou candidata para a Alcaldía".
Por último, sobre a situación na que queda o PP no Concello de Barro, engadiu que "na actualidade, quedamos cun só concelleiro que vai seguir realizando propostas desde as siglas do Partido Popular e defendendo os intereses de veciños e veciñas".
Relacionadas:
-
Julio García Comesaña e Ana Pastor participan na presentación da candidatura de Eduardo Ruadas
Por Redacción |
-
Abraldes, na busca dunha nova maioría para que Barro "non sufra un retroceso"
Por Redacción |
-
Oficialízase o paso de tres concelleiros do PP de Barro ao grupo de non adscritos
Por Redacción |
-
"Man tendida" do PP a Landín e os concelleiros descontentos coa nova xestora de Barro
Por Natalia Puga |
-
Fragmentación no PP de Barro, con movementos para unha escisión e ameaza de denuncias
Por Natalia Puga |
-
O PP de Barro deixa atrás a época de Landín Eirín cunha nova xestora que presidirá Eduardo Ruadas
Por Redacción |