Oficialízase o paso de tres concelleiros do PP de Barro ao grupo de non adscritos
Por Redacción
No Pleno ordinario do mes de xullo da corporación municipal de Barro, celebrado na noite deste xoves, oficializouse o paso de tres concelleiros do grupo do Partido Popular ao grupo de concelleiros non adscritos.
Así, o grupo do PP queda formado por un único concelleiro, Alberto Diz, que será o voceiro do grupo e o seu único representante nas comisións. Por outra banda, o grupo de non adscritos terá como voceiro e único representante nas comisións a José Antonio Landín.
Nesta sesión plenaria aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para dirixirse á Xunta de Galicia e pedir unha actuación urxente para mellorar a seguridade no entorno da PO-531 á altura da igrexa de Curro.
A Xunta é a titular da vía de servizo que discorre entre a PO-531 e a igrexa e que se atopa en moi mal estado. "Esta estrada dá acceso a vivendas e por ela discorren a diario moitos veciños, a pesar de que non reúne as condicións de seguridade esixibles", sinalaron.
Ademais do arranxo do pavimento, a moción do BNG recolle tamén "graves problemas de seguridade" que se evidenciaron unha vez que, despois de moitos anos, a Xunta desbrozou os noiros da PO-531 que en ambas marxes están protexidos por valos metálicos que se atopan moi deteriodados e que non están cumprindo a súa función.
A moción tamén recolle a solicitude á Xunta de reparación da pasarela peonil.
No Pleno tamén se aprobou a conta xeral do 2021 e unha moción presentada polo PSOE para promover o uso da enerxía fotovoltaica.
Relacionadas:
-
Abraldes, elixido por unanimidade como candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais
Por Redacción |
-
Nace "Xuntos por Galicia" o novo partido de Landín Eirín
Por Oskar Viéitez |
-
Tres concelleiros consuman o cisma no PP de Barro
Por Natalia Puga |
-
"Man tendida" do PP a Landín e os concelleiros descontentos coa nova xestora de Barro
Por Natalia Puga |