Inician os trámites para contratar seis socorristas para Xiorto e Cabeceira no verán
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio vén de aprobar estes días o expediente para a contratación de seis socorristas que, tal e como xa ven sendo habitual desde hai anos, prestarán servizo de vixía na praia de Xiorto, na parroquia de Raxó e na de Cabeceira, que disporá un ano máis de bandeira azul.
O alcalde, Luciano Sobral, confirma que a devandita contratación, da que se beneficiarán persoas en situación de desemprego, será por un período de tres meses. O servizo porase en marcha a principios de xullo e permanecerá operativo ata setembro. As bases de contratación xa se poden consultar na Sede Electrónica.
Poderán optar a estas prazas aquelas persoas incluídas na sondaxe realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia, en base á oferta de emprego presentada polo Concello. As solicitudes tramitaranse por vía telemática, na propia Sede Electrónica. No caso de optar polo modo presencial, requirirase cita previa. A contratación destes seis profesionais terá un custe de algo máis de 22.000 euros, que se subvencionan a través dunha achega realizada pola Xunta de de Galicia.
Ademais de avanzar nesta tramitación, ao longo das últimas semanas os operarios municipais están a realizar de xeito periódico tarefas de limpeza e acondicionamento nos areais poienses. Tal e como lembra o alcalde Sobral, "temos a bandeira azul de Cabeceira, pero non hai que esquecer que outras praias do noso municipio tamén acollen a numerosos bañistas, polo que tamén precisan de servizos, como é o caso de Xiorto, entre outras".
Este ano, Poio iniciará a temporada estival presentando uns rexistros de calidade da auga practicamente perfectos, ao conseguir o nivel de excelente en 14 das 15 praias habilitadas para o baño, logo de que a praia de Raxó o acadase o ano pasado por primeira vez desde hai un lustro. Xiorto, Sinás, Fontemaior, Covelo, Area da Barca, Ouriceira, Chancelas, Chancelas Pequena, A Canteira, O Padrón, Campelo, Lourido e Cabeceira completan o listado, mentres que O Laño a auga foi catalogada como boa.
A cuadrilla de operarios destinada á limpeza de praias, reforzada con contratacións temporais levadas a cabo a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, leva desde o pasado mes de abril pasando revista aos areais, onde se procede á limpeza destes espazos e á reparación de accesos e mobiliario onde sexa necesario.
No caso da praia de Cabeceira, Luciano Sobral apunta que o Concello procedeu tamén a efectuar melloras recomendadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), que é o organismo encargado de outorgar as bandeiras azuis.
Deste xeito, seguindo o establecido nos informes, arranxáronse os traveseiros de madeira laterais da rampla de acceso e se mellorou a torre de vixía dos socorristas, aos que tamén se lles dota de material renovado (gafas e aletas, entre outros elementos). Por último, habilitáronse zonas separadas no posto de atención para a realización de curas.
Relacionadas:
-
Pontevedra renega da bandeira azul para a praia e a senda do Lérez
Por Manu Otero |
-
Sobral lembra que a vertedura na praia de Campelo foi "puntual" e resolveuse no momento
Por Redacción |
-
Pontevedra é a provincia con máis sendeiros azuis de España
Por Redacción |
-
A Xunta subvenciona a contratación de socorristas para os meses de xullo e agosto
Por Redacción |
-
Sancionan ao Concello de Poio por verteduras de augas fecais na praia de Campelo
Por Oskar Viéitez |