Pontevedra é a provincia con máis sendeiros azuis de España
Por Redacción
Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul.
Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.
A relación de galardoados deuse a coñecer este xoves en Madrid no marco do acto de entrega oficial das bandeiras azuis que, por primeira vez, lucirán os 73 municipios onde se localizan os 86 sendeiros seleccionados por Adeac en España. Este é o primeiro ano que se convoca unha cerimonia propia e separada da das praias para anunciar os sendeiros azuis.
Ao evento acudiu en representación da Xunta a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen subliñou que case a metade dos 474 quilómetros que ocupan os novos itinerarios azuis declarados no conxunto do país, están en Galicia.
Neste sentido, considerou que este novo recoñecemento, sumado ás 112 bandeiras outorgadas tamén ás súas praias, ás 11 que recibiron outros tantos portos deportivos e aos 14 centros azuis, consolidan a súa posición entre as comunidades españolas e do mundo que ano tras ano concentran un maior número de distintivos azuis. De feito, Galicia recibiu este ano un total de 166 galardóns entre areais, instalacións portuarias, centros e sendeiros, o que supón 11 máis que o ano pasado.
Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano en Galicia cómpre subliñar que os concellos de Poio e Ribeira entran por primeira vez na listaxe grazas ao recoñecemento do sendeiro litoral de Poio e o de Coroso-Río Azor.
Así mesmo, Sanxenxo repite como o municipio español con máis sendas recoñecidas no seu termo municipal, un total de 7, das cales 1 é nova -a ruta dos carballos de Aldariz- e as outras 6 xa recibiran este recoñecemento en 2021 pero aglutinadas como unha rede de sendeiros. En total, suman máis de 30 quilómetros.
Tamén destaca o caso de Marín e de Vigo, con 3 sendeiros azuis cada un este ano e que se converten deste xeito nos segundos municipios españois, xunto ao de Cartaxena, con máis sendas galardoadas.
En canto ao reparto por provincias, Pontevedra, con 19 itinerarios localizados nun total de 9 municipios, que suman case 137 km, lidera o ‘ranking’ provincial a nivel autonómico e tamén nacional; seguida da Coruña, con 6 sendeiros noutros tantos concellos -máis de 55 quilómetros-; e de Lugo, que suma 4 itinerarios azuis no mesmo número de municipios, cun total de 25,8 quilómetros ao longo da Mariña.
Relacionadas:
-
Os tres sendeiros azuis de Marín xa presumen de bandeira
Por Redacción |
-
Poio suma o seu segundo sendeiro azul, a Variante Espiritual do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
As praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con socorristas desde esta fin de semana
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez, sobre o rexeitamento do Concello ás bandeiras azuis: "é unha tomadura de pelo"
Por Redacción |
-
Pontevedra renega da bandeira azul para a praia e a senda do Lérez
Por Manu Otero |
-
Inician os trámites para contratar seis socorristas para Xiorto e Cabeceira no verán
Por Redacción |
-
Banda do Río, a novidade entre as 112 praias galegas con bandeira azul, 17 delas en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
A senda costeira entre A Seca e Lourido será 'sendeiro azul'
Por Redacción |
-
O Vial de Praias, candidato de novo a Sendeiro Azul coa vista posta na mellora da súa accesibilidade
Por Redacción |
-
A Ruta dos Carballos de Aldariz optará a ser sendero azul
Por Redacción |