Aprobada en pleno a modificación do cadro de persoal do Concello entre os apupos de representantes sindicais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O salón de plenos da Deputación volveu acoller unha sesión plenaria ordinaria da corporación municipal de Pontevedra, neste ocasión correspondente a este mes de maio. Un grupo de representantes sindicais da xunta de persoal do Concello de Pontevedra asistía a esta sesión na que no segundo punto votábase a proposta de modificación do persoal do Concello de Pontevedra.
Carme Fouces, concelleira de Persoal, explicaba que esta actuación pretende transformar os postos de traballo do persoal fixo e indefinido para convertelos en persoal funcionario municipal. A medida permite que 38 prazas se convertan en funcionarios, 17 pertencentes a persoal laboral fixo e 21 de persoal laboral indefinido. "É unha boa proposta que vai mellorar a situación", explicou a edil anunciando que o cambio será a través de criterio de fixeza para o persoal fixo mentres que os indefinidos manteranse adscritos ata que sexan cubertas por un funcionario despois dun proceso de emprego público.
A representante popular Pepa Pardo indicou que se debe tender a estabilizar os postos de traballo pero matizou que o PP pide un xiro á política de persoal "que deixa moito que desexar". Pediu que se poñan en valor aos traballadores do Concello e abandonen "políticas de imposición" desde o goberno local para canalizarse na "senda da negociación" atendendo as peticións de todos os traballadores. O punto aprobábase cos votos a favor do BNG e do PSOE, e a abstención do PP, entre os apupos por parte dos representantes sindicais sentados na zona do público.
O malestar deste colectivo fíxose patente tamén durante o debate do seguinte punto, referido ao expediente de modificación de crédito por máis de 11 millóns de euros, que defendía o concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo. Os traballadores municipais interromperon a súa intervención e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores demandou que se gardase silencio expresando que "seguramente" cando falase Rafa Domínguez, portavoz do PP, "estarán calados". Precisamente, Domínguez increpou ao rexedor pedindo que evitase eses "comentarios despóticos aos funcionarios que vostede representa", frase que foi respondida con aplausos desde as cadeiras do público.
O punto foi aprobado por maioría cos votos favorables do grupo do goberno e os votos en contra da oposición. Durante o debate, Raimundo González explicou que este diñeiro se destinará a máis dun centenar de actuacións coa creación de douscentos postos de traballo directos cun incremento da actividade económica e mellora de equipamentos e servizos para a cidadanía, que se enfronta a unha situación complexa derivada da pandemia, a guerra, a escaseza de produtos e o aumento da inflación. Anunciou que se mellorará a iluminación pública reducindo os gases contaminantes e rebaixando o consumo enerxético tanto na zona sur como na norte da cidade, ademais de afrontar actuacións en zonas verdes, proxectos deportivos e de mellora de equipamentos culturais como o centro social de Bora. A estas intervencións sumou máis de 800.000 euros que se destinarán á mellora de viais nas parroquias.
Rafa Domínguez respondeu cunha pregunta "para que lles serve esta modificación de crédito? Para saír na prensa. Non fan absolutamente nada", alegando que en Pontevedra só se executan dúas "obras de importancia": a "interminable" de Loureiro Crespo e a da Casa do concello, que "aínda non empezou". Preguntou onde estaban as obras para o barrio de Monte Porreiro e criticou proxectos como o da planta de tratamento de residuos de Canicouva ou o campo de fútbol de Salcedo que "despois de dous anos descobren que non tiña tendido eléctrico". González Carballo respondeu que con esta intervención "véselle a xenreira, a rabia" e convidou os concelleiros populares a acudir despois de realizados os proxectos para visitar os lugares e dicir que o PP votara en contra desas obras.
A continuación, votábase por unanimidade plenaria a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana e a aprobación definitiva do estudo de detalle para a ordenación e determinación das condicións estéticas dos edificios que se construirán na antiga unidade de actuación número 7, nos coñecidos como terreos de Tafisa. A corporación tamén apoiou as propostas de corrección lingüística de denominación de rúas como Os Matos do Arango; e de delimitación territorial de Pedra do Lagarto, eliminando etiquetas xenéricas como "barriada" ou "colonia".
Tamén se aprobaban co apoio unánime as contas xustificativas das subvencións relativas ás asignacións de dotacións económicas para o funcionamento dos grupos políticos do BNG e do Partido Popular.
AXUDAS PARA A ACCESIBILIDADE EN VIVENDAS
O debate volveu tensarse coa proposta do PP para crear un plan de axudas para mellorar a accesibilidade de edificios residenciais e de vivendas onde residan persoas con mobilidade reducida ou outras discapacidades. Pepa Pardo defendía esta moción sinalando que era "humana e construtiva" demandando á corporación un "compromiso coa accesibilidade e igualdade real".
A concelleira Carme da Silva, do grupo de goberno, respondeu "son vostedes redundantes e politicamente inútiles" alegando que o contido da moción non é competencia do Concello, explicando que esas subvencións son competencia da Xunta de Galicia: "ou son redundantes ou non se fían do goberno da Xunta" con financiamento de fondos procedentes do Estado. Na réplica, Pepa Pardo explicou que en Vigo ou en Madrid se aprobaron estas axudas e acusou os concelleiros do goberno local nestes termos: "vostedes non se reúnen con ninguén. Non teñen ningún tipo de nivel político. Non están á altura dos veciños de Pontevedra". A moción foi rexeitada con 15 votos en contra do BNG e do PSOE fronte aos 10 do PP e do concelleiro non adscrito.
Tamén houbo lugar para o debate na análise dos expedientes aprobados con reparos ou con omisión de fiscalización. Rafa Domínguez, portavoz do PP, expuxo que "se o señor Lores le estas mil e pico páxinas quedaría abrumado do que di Intervención e o que fan os seus concelleiros. Debería ler o que asina", apuntou facendo referencia ás anomalías detectadas en 56 expedientes. "Non pode ser que se pasen contratos a dedo", manifestou alegando que se chegou a pagar unha factura con informe do servizo xurídico en contra. "É fai as cousas polas bravas como no século pasado. Teñen que empezar a facer as cousas ben", afirmou Domínguez baseándose nos reparos emitidos por Intervención e aseverando que "vostedes son incompetentes para levar os contratos a cabo".
César Mosquera, concelleiro de Ordenación do Territorio, respondía preguntando por que o PP non interviñera cando se aprobaron as asignacións de dotacións económicas aos grupos municipais. "Como era para beneficio do PP, aí non interviron e votaron a favor", sinalou. Asegurou tamén que este mecanismo de pago se emprega pouco no Concello de Pontevedra e lembrou que a covid-19 provocou trastornos na administración que obrigan a utilizar estas fórmulas expoñendo que "non hai corruptela que supoña menoscabo dos intereses públicos", engadindo que "nin un euro se perdeu", aludindo ao sucedido coas comisións polas máscaras no Concello de Madrid.
O pleno chegaba ao seu tramo final coa intervención do concelleiro popular Guillermo Juncal preguntando ao edil de Deportes Tino Fernández se ía seguir ausentándose como nos últimos eventos deportivos con éxitos para a cidade como foi o caso do Waterpolo Pontevedra, o Pontevedra Club de Fútbol ou do Balonmano Cisne? A resposta do concelleiro socialista foi lacónica: "Non".
Relacionadas:
-
Un informe amosa que as mulleres cobran máis e solicitan menos permisos que os homes entre o persoal municipal
Por Redacción |
-
Abordan ao alcalde para reclamar que atenda as reivindicacións do persoal municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra empeza a traballar no seu quinto Plan de Igualdade, que se aprobará en marzo do 2023
Por Redacción |
-
Preparan unha homenaxe a Manolo Barreiro co 'rebautismo' oficial de todo o complexo deportivo da Xunqueira
Por Redacción |
-
Pepa Pardo, do PP, levará á "autoridade competente" as irregularidades detectadas en facturas do goberno local
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Pontevedra programa investimentos que supoñerán a creación de máis de 200 postos de traballo
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |
-
Lores e Fernández evitaron ao rei emérito no partido do Cisne porque "non quero que se me relacione con ese señor"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pepa Pardo demandará un plan de axudas para mellorar accesos a persoas con mobilidade reducida
Por Redacción |