Pepa Pardo demandará un plan de axudas para mellorar accesos a persoas con mobilidade reducida
Por Redacción
No próximo pleno debaterase unha moción que presentará a concelleira do Partido Popular de Pontevedra Pepa Pardo. Nela propón crear un plan de axudas que melloren a accesibilidade de edificios residenciais e de vivendas onde residan persoas con mobilidade reducida ou que presenten discapacidade sensorial auditiva e/ou visual.
Despois de manter un encontro con colectivos sociais do municipio, a proposta, segundo o PP, conta co apoio de Once, Amizade, Aspace Galicia, Assem, Afapo, Axp, Juan XXIII e Xoga.
A iniciativa popular distribúese en dúas liñas de axuda. Por unha banda, un plan para adaptar estas vivendas de persoas con capacidades diferentes e, doutra banda, un plan que mellore a accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais.
Pepa Pardo asegura que o motivo é "mellorar a calidade de vida dos afectados, así como a súa autonomía funcional e, en definitiva, lograr uns edificios e vivendas accesibles". Dentro dos exemplos que recolle expón a adaptación do ancho das portas; cambio de pavimentos por outros con elementos sensoriais ou antiescorregadizos; adaptación da altura de interruptores, enchufes ou porteiros automáticos; adaptación de cuartos de baño, cociñas e calquera acción que contribúa a mellorar a accesibilidade.
A concelleira, na segunda liña de axudas, pretende que se apoie a instalación de ascensores ou a súa adaptación, ademais do establecemento de plataformas e ramplas nos edificios.
Na mesma liña, a concelleira Silvia Junco, do PP, solicitará no Pleno a creación dun Consello Sectorial de Accesibilidade, con intervención de cada unha das asociacións sociais do municipio.
Relacionadas:
-
Aprobada en pleno a modificación do cadro de persoal do Concello entre os apupos de representantes sindicais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Marga Caldas estuda con Amizade as actuacións a realizar para garantir unha mobilidade sen barreiras en Poio
Por Redacción |
-
Denuncian a "desesperante espera" das persoas con discapacidade para ter unha valoración axeitada
Por Oskar Viéitez |
-
Cando o mellor amigo do home tamén se converte nos seus ollos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |