Pontevedra programa investimentos que supoñerán a creación de máis de 200 postos de traballo
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras
O concelleiro de Economía, Raimundo González Carballo, informou da modificación de crédito que irá ao próximo pleno da corporación por valor de 11.274.000 euros.
"Maioritariamente está destinada a investimentos", sinalou o concelleiro nacionalista, en concreto máis de 9 millóns de euros, o que eleva a cifra de investimentos do Concello para este ano ata os 37,2 millóns de euros "o máis alto da historia" a falta de posibles incorporacións, por exemplo, dos fondos europeos.
Raimundo González destacou que este volume de investimentos "vai significar un incremento da actividade económica" derivado da execución de obras ou a compra de materias primas "en termos laborais significa a creación de máis de 200 postos de traballo", apuntou.
"O Concello dispón de fondos, hai unha crise económica, un incremento desmesurado dos prezos e por tanto que mellor antídoto que inxectar diñeiro na economía para dinamizar a actividade produtiva", dixo Raimundo González sobre a idea de fondo desta modificación de crédito.
Sobre o destino destes investimentos, o concelleiro de Economía comentou que "maioritariamente irán para o rural, máis de tres millóns, e case 4 millóns para os barrios".
O 20,7% (2.332.00 euros) son para cuestións de eficiencia enerxética. Entre as que destacaría un investimento na parte urbana da vila que collerá unha liña desde A Barca cara ao sur, por Riestra, Eduardo Pondal, incluíndo Campolongo e San Roque; namentres que no rural, a maiores do que xa estaba recollido no orzamento aprobado, vai ademais a parroquia de Lérez e o barrio do Burgo. Só restaría, por renovar luminaria, unha pequena parte da cidade e das parroquias só Salcedo e Tomeza por mudar toda a súa iluminación para LED.
O 22,57% (2.543.000 euros) desta modificación de crédito será para deportes, con proxectos como o pavillón de Monte Porreiro, a primeira fase da nave de piragüismo das Corvaceiras e investimentos nos campos de fútbol da Xunqueira ou na conexión eléctrica para o campo de fútbol de Salcedo, entre outros.
O terceiro apartado que quixo destacar Raimundo González, e que supón o 16,95% desta modificiación de crédito (1.911.000 euros) sería para a casa de cultura de Bora, o antigo colexio de Pío; a casa de Cultura de Acevedo e; respecto dos edificios municipais, destacaría a primeira planta do edificio de Michelena.
Outros investimentos irían destinadas ao chamado núcleo de centralidade de Parada-Campañó, a actuacións varias noutras parroquias que van desde Lérez a Cerponzóns, tamén hai partidas para xardíns e parques infantís, nos que se investirá preto dun millón de euros e 450.000 euros para promoción da cidade a través de eventos deportivos como a proba da Copa do Mundo de Tríatlon, os campionatos de ciclocrós e o campionato do mundo de Loita sub-23. A estes eventos tamén se lles suma a Placemaking Week 2022.
Relacionadas:
-
Aproban a creación dun centro cultural en Acevedo e a reforma do campo da festa
Por Redacción |
-
Medio millón de euros para mellorar as parroquias do rural no comezo de 2023
Por Redacción |
-
Vinte persoas beneficiarias da Risga acceden a un contrato en Parques e Xardíns
Por Redacción |
-
Comezan as obras de mellora en sete parroquias do rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Aprobada en pleno a modificación do cadro de persoal do Concello entre os apupos de representantes sindicais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Máis de dous millóns de euros para converter o pavillón de Monte Porreiro na casa do tenis de mesa
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra suma 11 millóns máis ao orzamento municipal, que superará os 118 millóns
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |