A Xunta proxecta humanizar a estrada vella a Marín e catro aparcadoiros na contorna da capital
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Xunta acometerá unha serie de actuacións de mobilidade sostible entre Marín e Pontevedra e tamén en Xeve e en Marcón, ademais de proxectar catro aparcadoiros e a mellora de 98 paradas de autobús na cidade de Pontevedra e a súa contorna, cun investimento de 14,4 millóns de euros.
Este conxunto de actuacións, que foron abordadas este xoves na reunión no Consello da Xunta celebrada na delegación territorial de Campolongo, enmárcanse no programa europeo dos Fondos Next Generation e teñen como obxectivo favorecer a mobilidade sustentable en Pontevedra e na súa área de influencia, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.
Segun avanzou Núñez Feijóo, a proposta da Xunta prevé, en primeiro lugar, a "transformación integral" da estrada PO-546, a estrada vella entre Marín e Pontevedra, executando un eixe de mobilidade sustentable no que se prime a peóns, ciclistas e transporte público. Esta liña de actuación suporá un investimento de máis de 6 millóns de euros.
Esta actuación iniciarase no comezo da estrada PO-546 en Mollavao, no lugar no que o Concello de Pontevedra contempla a conexión da PO-12 e a PO-546. Precisamente, a través desta vía e de modo coordinado co proxecto da vía existente, conectarase a nova senda peonil e ciclista da PO-546 coa que xa hai na propia PO-12.
Entre outras actuacións previstas, acometerase a ampliación da plataforma da PO-546, habilitando, pola marxe dereita da estrada na maior parte do percorrido, un espazo peonil e outro ciclista, bidireccional e segregados. Nas zonas de vivendas habilitarase unha beirarrúa pola marxe esquerda da estrada.
Ademais, entre os puntos quilométricos 2+200 e 2+600 proponse a execución dunha pequena variante, para evitar o estreitamento actual da vía pola presenza de vivendas. Tamén se mellorarán as paradas de transporte público, favorecendo a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra, e renovarase a iluminación no treito de actuación.
A Xunta impulsará, ademais, a mellora da estrada PO-546 nos seus treitos máis urbanos, en Estribela e Marín. Neste caso, para unha primeira fase da actuación, a Xunta xa ten redactado o proxecto e sometido a información pública. Os traballos consisten na reurbanización completa da estrada PO-546 no treito de actuación, dando un maior protagonismo aos peóns e procurando o calmado de tráfico.
Para iso, modificarase a sección transversal da estrada, ampliando as beirarrúas ata os 2 metros para favorecer os desprazamentos a pé e a accesibilidade; ampliarase tamén a estrada nalgún punto para gañar seguridade; mellorarase a iluminación; habilitaranse pasos de peóns sobreelevados con iluminación específica e intelixente; e melloraranse as paradas de autobús, incluíndo a renovación das marquesiñas.
Nunha segunda fase dos traballos, esta intervención completarase actuando nos treitos da PO-546 entre o final da actuación de Estribela e o límite municipal co concello de Marín, e no treito da estrada autonómica denominado Concepción Arenal en Marín, que resta por humanizar, entre a rotonda de Áncoras e o parque Eguren.
XEVE E MARCÓN
Outra da actuacións previstas polo goberno galego para o fomento da mobilidade sustentable executaranse nas estradas PO-223 e PO-224 en Santo André de Xeve, que suporá un investimento global de 2,2 millóns de euros; e destinará case 1,4 millóns de euros á execución dunha senda na estrada PO-542, nos núcleos da Ermida, Pazos e Marcón.
APARCADOIRO DISUASORIO E CARPOOLING
En segundo lugar, a proposta abordada este xoves no Consello da Xunta prevé catro aparcadoiros con arredor de 410 prazas, que suporán un orzamento de 1,8 millóns de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a avaliar a posibilidade de construír un aparcadoiro disuasorio con aproximadamente 250 prazas na contorna das estradas PO-546 e PO-12. Estes aparcadoiros en zonas próximas ás principais vías de entrada ás cidades e conectados co transporte público contribúen a minimizar a necesidade de acceder en vehículo privado e, por conseguinte, á implantación de zonas de baixas emisións.
A proposta tamén recolle a execución de tres aparcadoiros para 'carpooling' nos accesos á vía de altas prestacións VG-4.4 en Marín, na VG-4.1 en Sanxenxo e na VG-4.3 en Vilagarcía de Arousa que, no seu conxunto, sumarían aproximadamente 160 prazas de aparcadoiro.
Esta modalidade permite que as persoas que se queiran dirixir á cidade de Pontevedra se poidan agrupar para realizar a viaxe nun só vehículo, de xeito que se eviten percorridos innecesarios e se reduza o custo da mobilidade.
Estes aparcadoiros, ademais de estar conectados á rede de transporte público, tamén poderán dispoñer de puntos de recarga eléctrica, de alugueiro de bicicletas, zonas verdes e outros sistemas de redución de gases de efecto invernadoiro.
MELLORA DE 98 PARADAS DE AUTOBÚS
Por último, o terceiro eixe da proposta consiste na mellora de 98 paradas de autobús nas liñas de transporte público interurbano, situadas en estradas autonómicas que dean acceso á cidade de Pontevedra desde a contorna inmediata e tamén desde outros concellos como Vilagarcía de Arousa, Meis, Barro, Sanxenxo, Cambados, Poio, Marín, Ponte Caldelas, Catoira, Campo Lameiro, O Grove, A Lama, Meaño e Forcarei.
A esta liña de traballo achegarase un investimento autonómico de 2,9 millóns de euros.
Relacionadas:
-
A Xunta aproba o proxecto construtivo da estrada vella de Marín
Por Redacción |
-
O Consello da Xunta aproba a construción dun aparcadoiro disuasorio nas inmediacións da Variante de Marín
Por Redacción |
-
Sae a información pública o proxecto do aparcadoiro disuasorio en Ameal
Por Redacción |
-
Nove ofertas para acometer a primeira fase de obras da estrada entre Pontevedra e Marín por Estribela
Por Redacción |
-
A estrada vella de Marín, ás portas da transformación "máis nunha rúa e menos nunha estrada"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A reurbanización da PO-546 en Estribela atrásase ata principios de 2023
Por Redacción |
-
O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para as obras da primeira fase da estrada PO-546 en Estribela
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Marín terá novos aparcamentos públicos e gratuítos con límite 2H "antes do inicio do verán"
Por Redacción |
-
Pontevedra incrementou nun 24% os desprazamentos peonís e ciclistas na última década
Por Redacción |
-
O alcalde non ve "nada novo baixo o sol" nos anuncios de Feijóo para Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Gran Montecelo terá un aparcamento de pago e con prezos "asequibles"
Por Oskar Viéitez |
-
A Asociación Estriceres traslada á Xunta as súas propostas ao proxecto de reforma da estrada vella de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A primeira fase da mellora da estrada vella de Marín suporá expropiar 12 fincas e poderá estar en obras en 2022
Por Natalia Puga |
-
Estudan alternativas para reformar a PO-546 entre Mollavao e Praceres
Por Redacción |