Construirán unha rotonda e una senda peonil en Marcón para mellorar a seguridade na PO-542
Por Redacción
Unha rotonda e unha senda peonil. É a solución que vén de presentar a Xunta de Galicia para resolver os problemas de tráfico e mobilidade que se rexistran na PO-542, en Pazos (Marcón), diante do coñecido Bar Emiliano e nos accesos ao campo de fútbol do Carrasco.
O proxecto que a Consellería de Infraestruturas sacou a exposición pública prevé mellorar a actual intersección en cruz, reducir o número de xiros á esquerda cara Pontevedra e diminuír a velocidade do tráfico neste tramo. Ademais, tamén se reordenará o espazo público
A rotonda deseñada polos técnicos da Xunta terá dous carrís de catro metros de longo e beiravías dun metro o que, segundo o goberno galego, permitirá reordenar este cruzamento da PO-542 coas estradas provinciais EP-0003 e EP-0004.
A súa disposición permitirá que as traxectorias dos vehículos non se crucen senón que converxan e diverxan de xeito rotatorio, reducindo o número de conflitos.
En canto á senda peonil e ciclista, executarase entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600 e apoiarase na glorieta proxectada, manténdose a parada de bus onde se instalarán dúas marquesiñas de autobús, segundo o novo deseño da Axencia Galega de Infraestruturas.
A obra ten un orzamento de 750.000 euros, avanzou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, que visitou a zona este mércores acompañado, entre outros, polo xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, e o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey.
Relacionadas:
-
A Xunta aproba o proxecto para construír unha glorieta e mellorar a seguridade viaria en Pazos
Por Redacción |
-
Pontevedra pide á Xunta "maior rigor" no proxecto da nova glorieta de Marcón
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello tilda de "electoralista" a nova glorieta de Marcón e censura as "présas" da Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
Instalarán unha nova rotonda na Bretoña para reforzar a seguridade na PO-531
Por Redacción |