O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para as obras da primeira fase da estrada PO-546 en Estribela
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Consello da Xunta autorizou este xoves o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar as obras da primeira fase de humanización do treito da estrada autonómica PO-546 no núcleo de Estribela.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción desta primeira fase de humanización.
A actuación conta cun investimento autonómico de preto de 950.000 euros e suporá a reurbanización completa dun treito de 500 metros da estrada vella de Marín, na procura do calmado de tráfico e dun maior espazo para os peóns.
Ampliaranse as beirarrúas a un mínimo de 2 metros e anchearase puntualmente a vía. Disporase de novas luminarias, habilitaranse 3 pasos de peóns sobreelevados con iluminación intelixente e renovaranse os refuxios de autobús.
A Consellería de Infraestruturas licitará as obras no segundo semestre deste ano, co obxectivo de comezalas no primeiro semestre de 2023.
A Xunta anuncia unha "transformación integral da PO-546 como eixo de mobilidade sostible, con accións tamén entre Mollabao e Os Praceres e desde o final da 1ª fase en Estribela ata a rúa Concepción Arenal, en Marín".