O lavadoiro da Fonte do Castiñeiro, en Mogor, estrea nova imaxe despois da súa limpeza
Por Redacción
O Concello de Marín mantén a súa aposta pola conservación e posta en valor do patrimonio da vila para dar a coñecer a historia e preservar a memoria colectiva do pobo de Marín. Nese sentido, os labores de mantemento de lavadoiros e fontes son unha parte esencial do traballo que está a realizar o goberno local.
Un dos lavadoiros nos que se vén de actuar é o da Fonte do Castiñeiro, na Porteliña, en Mogor, ao que acudiron esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Pablo Novas, Manuel Domingos e Cristina Acuña acompañados por veciños da zona.
Neste lavadoiro, leváronse a cabo labores de rexuntado e de posta a punto tanto da propia fonte como do lavadoiro e tamén se limpou a contorna, cun pequeno espazo que agora está con terra limpa e que antes tiña escombros.
A rexedora quixo trasladar á veciñanza o desexo do goberno local de continuar executando traballos que consigan facilitar o acceso a estes bens patrimoniais, tanto para os que xa os usaban de xeito frecuente como para todas aquelas persoas amantes do patrimonio que queiran vir coñecelos.
Lembrou Ramallo que “o ano pasado habilitamos dúas webs municipais, unha con todo un rexistro de lavadoiros en Marín e outro coas fontes, que teñen fichas moi completas con galerías fotográficas, reproduccións 360, información e xeolocalización de cada un destes elementos”.
A rexedora aproveitou tamén a visita á Porteliña para lembrar que o goberno local está traballando nun proxecto de remodelación do lavadoiro de Mogor, un dos máis visibles da vila, así como da súa contorna. Proponse desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario e, sobre ese espazo único, volvería colocarse o lavadoiro, e renovaríase toda a cuberta.
“En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética”, especifica a memoria técnica do proxecto. “En total, actuariamos nunha superficie de máis de 500 metros cadrados”, engadiu Ramallo.
Relacionadas:
-
Nova vida para o renovado Lavadoiro de Mogor
Por Redacción |
-
Marín inicia o proceso para a restauración do lavadoiro e a fonte de Mogor
Por Redacción |
-
Marín lanza dúas webs para dar a coñecer o seu patrimonio etnográfico
Por Redacción |
-
Unha páxina web recolle as máis de 70 fontes da vila
Por Redacción |
-
Nova cuberta para o lavadoiro da Roza
Por Redacción |
-
Marín restaura o lavadoiro Río de Casás
Por Redacción |
-
Nova sinalización dos lavadoiros de Marín cun investimento de máis de 13.500 euros
Por Redacción |