Marín inicia o proceso para a restauración do lavadoiro e a fonte de Mogor
Por Redacción
O goberno municipal de Marín xa ten en marcha a redacción dos pregos do contrato para iniciar a licitación da restauración do lavadoiro e da fonte de Mogor, unha actuación de mellora que suporá o acondicionamento de toda a súa contorna.
O obxectivo é desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario. Sobre ese espazo, volvería colocarse o lavadoiro e renovaríase toda a cuberta.
"En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética", explican desde o executivo local.
No que respecta ao terreo anexo, recuperarase o camiño peonil para que poida servir de fondo ao lavadoiro e á fonte.
Tamén se instalará unha iluminación adaptada e que poida poñer en valor os elementos, destacándoos e dándolles visibilidade, e colocarase mobiliario urbano acorde co lugar.
En total, a superficie sobre a que se intervirá é de máis de 500 metros cadrados e a inversión prevista é duns 115.000 euros, que achegará a Deputación no marco do Plan Concellos.
Relacionadas:
-
Nova vida para o renovado Lavadoiro de Mogor
Por Redacción |
-
O lavadoiro da Fonte do Castiñeiro, en Mogor, estrea nova imaxe despois da súa limpeza
Por Redacción |
-
O Concello de Marín restaurará o lavadoiro e a fonte de Mogor
Por Redacción |
-
Nova sinalización dos lavadoiros de Marín cun investimento de máis de 13.500 euros
Por Redacción |