O Concello de Marín restaurará o lavadoiro e a fonte de Mogor
Por Redacción
O Concello de Marín actuará sobre a fonte e o lavadoiro de Mogor co fin de protexer e poñer en valor os elementos patrimoniais da vila para así coñecer a súa historia.
Estes elementos etnográficos catalogados están ubicados na intersección do vello camiño que une o núcleo desta parroquia coa carretera C-551, onde conflúe tamén o vial de acceso aos centros de ensinanza ubicados en Chan do Monte.
A día de hoxe seguen sendo moi utilizados pola veciñanza da zona e doutros lugares, tanto para recoller auga da fonte como incluso para utilizar o lavadoiro para lavar polo que o Concello actuará no propio lavadoiro como na contorna, que están en condicións de mellora e son referentes da parroquia de Mogor.
Para iso, o goberno local encargou un proxecto de restauración do lavadoiro e da fonte e de acondicionamento do entorno onde propoñen desmontar a estrutura da cuberta actual do lavadoiro, así como o seu pilón, para poder cimentar de novo de xeito unitario.
Sobre ese espazo único, colocarán o lavadoiro e renovarán toda a cuberta. "En todo momento, restauraranse os elementos catalogados, pero facendo a mínima intervención posible e utilizando técnicas e materiais tradicionais que non afecten á estética", explican fontes do Goberno local.
En canto o terreo anexo, recuperarase o camiño peonil para que poida servir de fondo ao lavadoiro e á fonte. Tamén se instalará unha iluminación adaptada e que poida poñer en valor os elementos, destacándoos e dándolles visibilidade e colocarase mobiliario urbano acorde co lugar.
A superficie sobre a que se intervirá é de máis de 500 metros cadrados e a inversión que teñen prevista é de 115.215,8 euros.