Unha páxina web recolle as máis de 70 fontes da vila
Por Redacción
Este xoves presentábase o web municipal www.fontesdemarin.com, un portal no que se detallan as características de máis de 70 fontes que se atopan no municipio. Na páxina ofrécense galerías fotográficas, imaxes 360, xeolocalización e unha descrición destes elementos patrimoniais da vila.
Os concelleiros Pablo Novas, Cristina Acuña e Manuel Domingos visitaban durante a mañá a Fonte de Troncosa para presentar esta proposta que busca poñer en valor os elementos patrimoniais máis interesantes de Marín para que tanto os residentes como os visitantes conten cunha ferramenta que lles proporcione información.
Segundo explicaba Pablo Novas con esta páxina todo queda rexistrado e calquera veciño pode coñecer o patrimonio accedendo simplemente ao portal da internet. Sinalou que, ademais, aprovéitase un momento no que existe unha demanda por coñecer espazos abertos e naturais.
Esta páxina é similar na súa estrutura á que tamén se creou sobre lavadoiros de Marín. O web conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra e destaca a importancia que as fontes teñen desde un punto de vista sociolóxico e hidráulico. Lembra, ademais, que atesouran unha riqueza toponímica singular neste Concello e que se atopan asociadas cun notable folclore e tradicións populares.