Tramitan as licenzas para Norauto, Eroski, Leroy Merlin, Kiwoko, Jysk e Decathlon no polígono do Vao
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Urbanismo tramita nestas semanas as sete licenzas para que o polígono comercial do Vao (fase 1) sexa unha realidade, segundo explicou este martes o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda.
Este polígono está situado na estrada de Vilagarcía á man dereita da condución.
Ademais da licenza de construción das dúas naves que albergarán as distintas actividades comerciais, tamén tramita ás correspondentes aos locais que ocuparán as firmas: Norauto, Eroski, Leroy Merlin, Kiwoko, Jysk e Decathlon.
O novo polígono fixa a superficie edificable de uso comercial dividida en dúas parcelas: unha de 17.731,77 metros cadrados con edificabilidade de 15.586,97 metros cadrados e outra parcela de 1.266,97 metros cadrados con edificabilidade de 964,81 metros cadrados.
A superficie destinada a espazos libres e zonas verdes: 4.406,02 metros cadrados. Para viario e estacionamentos (462 prazas): 6.850,21 metros cadrados. A parcela para equipamento é de 688,30 metros cadrados, a parcela de cesión municipal: 1.758 metros cadrados e, por último, a cesión de parcela ao Ministerio de Fomento para autoestrada de 3.915,06 metros cadrados.
AS FIRMAS COMERCIAIS
A nave máis pequena estará ocupada pola firma Norauto, un taller de automóbiles, e estará dividida en dous espazos: actividade comercial e actividade industrial, é dicir, unha zona de vendas e outra de taller. En total disporá de 717,96 metros cadrados.
A nave máis grande disporase en dúas alturas e albergará o resto de actividades comerciais. Na planta baixa estará Leroy Merlin, a multinacional da bricolaxe, cunha superficie construída de 4.236,65 metros cadrados, dos cales máis de 3.200 están destinados para sala de vendas.
O segundo espazo máis amplo será o de Decathlon, unha tenda de artigos deportivos, con 3.017,80 metros cadrados construídos, dos cales 2.600 están previstos para zona de vendas.
Tamén na planta baixa estarán Jysk, unha cadea danesa de artigos de fogar, cunha superficie construída de 1.001,50 metros cadrados e unha sala de venda de 775,90 metros cadrados.
Finalmente a firma Kiwoko Pet, tenda de produtos para mascotas, ocupará 909,41 metros cadrados dos cales 652,79 será zona de vendas.
A segunda planta da nave acollerá o supermercado Eroski que disporá de 2.570,50 metros cadrados construídos e a outra parte da nave será un estacionamento de 212 prazas, que serán a maiores das 462 prazas establecidas na parcela.
Relacionadas:
-
Concedida a licenza da última nave do Vao onde se instalarán Decathlon, Kiwoko, JYSK, Leroy Merlín e Eroski
Por Redacción |
-
Novo atraso de seis meses nas obras de ampliación do polígono do Vao
Por Natalia Puga |
-
O mercado inmobiliario de Pontevedra, á alza con 428 novas vivendas en dous anos que van "completando a cidade"
Por Natalia Puga |
-
Leroy Merlin, Decathlon e Eroski estarán no novo polígono do Vao
Por Alejandro Espiño |
-
Prevén que a ampliación do polígono do Vao estea urbanizada no segundo semestre de 2022
Por Alejandro Espiño |