Prevén que a ampliación do polígono do Vao estea urbanizada no segundo semestre de 2022
Por Alejandro Espiño
Os promotores da ampliación do polígono do Vao xa ven, por fin, a luz ao final do túnel. Tras unha ardua tramitación administrativa, a súa construción está cada vez máis preto.
O seu plan de urbanización xa foi aprobado de maneira definitiva, tras resolver as pegas que poñía Augas de Galicia por un regacho que hai na zona e, a falta de inscribilo no Rexistro da Propiedade, o goberno municipal prepárase xa para o último trámite xurídico.
Só quedaría aprobalo nunha Xunta de Goberno, algo que segundo o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, será cuestión de días. Tras este trámite, os seus promotores terán un prazo de seis meses para iniciar as obras de urbanización e doce meses para terminalo.
Este calendario, segundo Moreda, apunta a que este polígono comercial do Vao deberá estar urbanizado no segundo semestre de 2022. Ademais, os seus responsables poderán edificar simultaneamente as naves comerciais se depositan a fianza completa.
A urbanización do polígono, xunto cos viais, os aparcamentos e as zonas verdes, supoñerá a construción dunha nova rotonda de acceso na PO-531 e a apertura doutro vial de entrada desde a actual rotonda do Vao.
Este polígono comercial, que está dividido en dúas zonas de 24.138 e 5.642 metros cadrados, conta cunha superficie edificable de 16.551 metros cadrados. Outros 4.406 metros cadrados serán para zonas verdes e haberá ata 462 prazas de aparcamento.
Haberá ademais dúas parcelas para equipamento (688,30 metros) e para unha cesión municipal (1.758 metros cadrados), para as que o Concello aínda non ten decidido os seus usos.
Relacionadas:
-
Novo atraso de seis meses nas obras de ampliación do polígono do Vao
Por Natalia Puga |
-
Tramitan as licenzas para Norauto, Eroski, Leroy Merlin, Kiwoko, Jysk e Decathlon no polígono do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
Leroy Merlin, Decathlon e Eroski estarán no novo polígono do Vao
Por Alejandro Espiño |
-
Retoman a tramitación do polígono do Vao tras ano e medio parado por un informe
Por Redacción |
-
A xustiza rexeita o recurso de Bricoking contra a ampliación do polígono do Vao
Por Alejandro Espiño |
-
O polígono comercial do Vao segue pendente da burocracia despois de 18 anos de trámites
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada