Tres folletos, unha nova web e un código QR para promocionar Sanxenxo
Por Redacción
Ata Fitur, a feira internacional de turismo que se celebrará esta semana en Madrid, levará o Concello de Sanxenxo todos os seus novos materiais de promoción turística do municipio.
Haberá tres novos folletos turísticos, unha nova web e activarase un código QR que levará aos dispositivos móbiles ata a páxina turismodesanxenxo.com.
Ata o de agora Sanxenxo contaba cun só folleto enfocado basicamente ao verán. O obxectivo é crecer os 12 meses do ano e con esa intención actualizáronse os materiais de promoción turística.
Así, en papel a información distribuirase en seis folletos temáticos, que abarcan desde as praias e a costa ata os recursos menos coñecidos como a ría de Arousa, os roteiros do interior e o patrimonio.
Dos seis folletos, tres estrearanse en Fitur, que son os de praias, paisaxes e patrimonio. Nos outros tres, gastronomía, saúde e benestar e náutica, xa se está traballando.
A nova web, pola súa banda, contará cun sistema operativo máis versátil e seguro. A información estará dispoñible en castelán, galego e inglés e estruturouse seguindo os seis apartados temáticos dos folletos.
Ademais, toda a información da web esta xeolocalizada, de maneira que xa sexa través do buscador ou clicando en calquera dos ítems (lugares, praias, igrexas, roteiros, etc.) sempre apareza un mapa que sitúa o que se está buscando e o que hai nos arredores.
Mediante o buscador o visitante poderá coñecer a oferta turística que hai na contorna do lugar desde o que se conecta e a web incluirá un apartado de aloxamentos, cámpings, apartamentos turísticos, casas rurais e hoteis.
Un dos aspectos ao que máis importancia deuse nos folletos e a web é a selección das fotografías que mostran os atractivos de Sanxenxo e infografías que facilitan a localización das praias, o percorrido dos sendeiros ou roteiros e o patrimonio.
O código QR é unha ferramenta dixital que facilita a accesibilidade a toda esta información. Incluíuse na contraportada dos folletos e durante os próximos meses despregarase nas praias, roteiros de sendeirismo, pazos ou calquera outro lugar de interese turístico.
Relacionadas:
-
O destino turístico Sanxenxo promociónase en Fitur co sorteo de dez escapadas de dous días
Por Redacción |
-
Poio participará en Fitur formando parte do stand da Red de Pueblos Mágicos de España
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e o Clúster Turismo de Galicia esperan un 2022 "absolutamente espectacular"
Por Oskar Viéitez |
-
A segunda fase do Pazo de Quintáns será posible grazas a 1,3 millóns de euros dos fondos Next Generation
Por Redacción |
-
Convenio de 30.000 euros para desestacionalizar o turismo en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo exhibe o seu potencial turístico na feira World Travel Market de Londres
Por Redacción |