Sanxenxo exhibe o seu potencial turístico na feira World Travel Market de Londres
Por Redacción
Unha ampla representación do sector turístico, público e privado de Sanxenxo está presente desde este luns na feira World Travel Market (WTM) de Londres, un dos eventos máis importantes da industria turística a nivel internacional.
Coa participación nesta feira de referencia vaise retomando a estratexia de promoción turística de Sanxenxo a nivel internacional tras o paro sufrido a nivel mundial pola pandemia. Na última edición da WTM, a feira reuniu a 5.000 expositores e máis de 50.000 profesionais duns 190 países, ademais de máis de 3.000 xornalistas especializados.
Dentro da WTM, Sanxenxo conta cun espazo expositivo e de traballo dentro da caseta de Turismo de Galicia no gran expositor de Turespaña, coa fin de desenvolver diferentes accións de promoción e comercialización do produto turístico.
Sanxenxo vai dentro da misión comercial do Clúster de Turismo de Galicia na que participan ademais da técnica de Turismo de Sanxenxo, Romina Fernández, o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, varias empresas.
Entre as accións máis destacadas da participación de Sanxenxo na WTM de Londres, destacan os encontros con intermediarios para impulsar a comercialización do produto turístico baixo o slogan "Sanxenxo, 365 días diferentes".
Turismo de Sanxenxo estivo presente este martes no encontro de negocios "Speed networking" da propia feira WTM, a través dun formato baseado en encontros de traballo moi breves e desde onte mantivéronse varias citas con operadores de distintos ámbitos do sector turístico.
O Concello de Sanxenxo considera de gran importancia a presenza na feira WTM de Londres, así como as diferentes accións promocionais e de comercialización do destino, co obxectivo de fortalecer e consolidar o volume de turistas do mercado internacional.
Os turistas procedentes de Reino Unido ocupan a cuarta posición no mercado visitante internacional de Sanxenxo só por detrás de Portugal, Francia e Alemaña.
Desde o Concello de Sanxenxo considérase que o turismo británico é un mercado turístico que hai que seguir reforzando a través dunha estratexia de produtos turísticos especializados, incidindo en produtos demandados como o turismo cultural e o enogastronómico, así como o turismo rural e de natureza, cunha especial demanda do turismo ornitolóxico e de avistamento de aves.
Relacionadas:
-
Tres folletos, unha nova web e un código QR para promocionar Sanxenxo
Por Redacción |
-
Galicia impulsa o turismo activo para consolidarse como destino de natureza e deporte
Por Redacción |
-
Sanxenxo rexistrou en setembro o 11% das pernoitas rexistradas en Galicia
Por Redacción |
-
A provincia rexistrou unha ocupación hoteleira do 75% na ponte do Pilar
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo segue gañando adeptos: a metade dos turistas de setembro estreábanse no destino
Por Redacción |