O Concello de Ponte Caldelas informará desfavorablemente ó Parque Eólico dos Cotos
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, anunciou xa que o Concello informará desfavorablemente ó Parque Eólico dos Cotos, que se atopa nestes momentos en período de exposición pública, debido a que a súa liña de evacuación (que aínda non saíu a exposición pública, pero sí se contempla no proxecto) afecta a diversos lugares do municipio.
Nun comunicado remitido polo Concello de Ponte Caldelas sinalan que "de maneira tramposa, maliciosa e en datas navideñas, a Xunta de Galicia saca a exposición pública o Parque Eólico Dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, con só 15 días de marxe para presentar alegacións".
Pola súa banda, o Partido Popular solicitou ao alcalde a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces municipais ante a saída a exposición pública deste parte eólico. Os populares reclaman unha actuación conxunta dos grupos políticos e a veciñanza para facer fronte ás consecuencias da implantación desta instalación que "xerará graves prexuizos para os veciños de Mirón, Vilarchán, Santana e, sobre todo, Baltar que se verán moi afectados polas liñas de evacuación".
O alcalde, Andrés Díaz, anima á veciñanza a presentar alegacións a este proxecto que afecta a Ponte Caldelas a través dunha liña de alta tensión que atravesaría o municipio dende Buchabade ata Baltar, afectando tamén a Xustáns. "O Concello de Ponte Caldelas irá a un proceso xudicial contra a Xunta de Galicia se este parque sae adiante", indica o alcalde, quen critica "que este proxecto se saque a exposición pública nestas datas e con só 15 días para presentar alegacións".
No documento de alegacións recóllense todas as afeccións que implicaría para o municipio a construción da liña de evacuación, sendo as máis importantes as que se producirían sobre os manantiais e captacións de auga polo movemento de terras que se prevé. Ademais das afeccións para a saúde, do ruído, da perda de valor dos terreos e das perdas para as economías familiares, tamén se informa das afeccións cara a flora, a fauna a biodiversidade e a paisaxe e o impacto negativo que terá para o turismo na comarca.
O Goberno local sinala o "ataque sobre o patrimonio arqueolóxico do municipio", pois a liña de evacuación do parque eólico dos Cotos pasa moi preto de elementos patrimoniais de gran valor, como mámoas, petroglifos, as Covas do Pé da Múa. A afección tamén é para os ben arquitectónicos (igrexas, capelas, cruceiros, pazos...), "así como para o patrimonio inmaterial e toponímico do municipio, que queda completamente arrasado".
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, recalca a importancia de loitar unidos para ter unha maior forza "contra un boom eólico que se quere implantar de maneira descontrolada sobre o noso territorio, a través agrupacións de empresas do mesmo sector, un clúster eólico encuberto".
Díaz anima a toda a veciñanza a "presentar o maior número de alegacións posibles para, entre todos, protexer o noso territorio e o futuro dos nosos fillos. Esta invasión eólica é un despropósito contra a nosa saúde, o noso patrimonio e o noso territorio. E non o imos permitir!".
Relacionadas:
-
Presentan máis de 600 alegacións ao proxecto do Parque Eólico de Monte do Pé
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade coinciden no seu rexeitamento ao proxecto eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
A mobilización contra o Parque Eólico dos Cotos será o domingo 9 en Carballedo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O BNG insta á Xunta a paralizar o parque eólico dos Cotos
Por Oskar Viéitez |
-
Mobilización social en Cotobade fronte ao Parque Eólico dos Cotos
Por Oskar Viéitez |