"Intuía que mi amigo podía estar en un lío; en ningún momento me imaginé que el lío fuese de ese nivel"
Por Natalia Puga
Recta final do xuízo que se segue na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra contra os sete acusados do alixo de máis de 3.000 quilos de cocaína do famoso e histórico narcosubmarino que acabou afundido en Aldán, en Cangas. Este xoves, na cuarta sesión, terminou a súa declaración o acusado Iago Serantes -comezara o mércores- e prestaron testemuño o resto de procesados, Yago Rego, Rodrigo Hermida e Enrique Carlos Serantes -pai do primeiro-. Todos sostiveron a súa inocencia.
Os catro están acusados de encargarse desde terra do bo resultado do alixo e o luns, na primeira sesión, xa se declararon inocentes, fronte aos tres tripulantes da embarcación que asumiron a súa culpabilidade. Agora, para pechar o xuízo, todos declararon e detallaron por que non teñen nada que ver cos feitos xulgados.
Yago Rego Rosende, natural de Vigo, pero residente en Lleida no momento do alixo, recoñeceu que o 21 de novembro de 2019, tres días antes de que aparecese o narcosubmarino en augas pontevedresas, recibiu unha chamada dun amigo da infancia, Iago Serantes, para contarlle que o seu amigo común Agustín Álvarez, tamén acusado, que ía a bordo da embarcación que viaxou de Brasil a Galicia coa droga, púxose en contacto e "necesitaba ayuda en Galicia", necesitaba un camión.
Nun primeiro momento, esa mañá, fixo unha xestión telefónica para tentar sen éxito conseguir un camión para axudar a Agustín e xa pola tarde, tras volver falar con Iago Serantes, decidiu trasladarse a Vigo. Viaxou, segundo explicou, por tres motivos, "un amigo necesitaba ayuda", esa fin de semana era os aniversarios da súa nai e a súa falecera dous meses antes e non puidera visitar a súa tumba.
Segundo recoñeceu a preguntas do fiscal, estivo en Vigo menos de dous días, pois o día 23 de novembro regresou a Lleida, onde rexenta un negocio de Karting con sete empregados. Durante ese tempo, non tivo ningún contacto con Agustín Álvarez, todo o que soubo del foi a través de Iago Serantes.
Durante todo ese tempo estivo con Iago e durmiu en casa da súa avoa, pero asegura que non se decatou dun encontro que tivo co tamén acusado Rodrigo Hermida. Con el foi a Decathlon a comprar lanternas, luvas, forros polares e barras enerxéticas por triplicado para Agustín seguindo unha lista que lle daba a Iago, e tamén visitaron a un amigo en común que tiña unha embarcación por se podía prestarlla para axudar ao seu amigo en apertos.
Durante eses dous días foi recibindo noticias de Agustín e soubo que estaba nun barco no mar, ata que chegou un momento, ao mediodía do 22, en que decidiu que non seguiría buscándolle axuda. "Yo digo, esto no me huele bien, yo aquí no paso ni un minuto más", explica. Así llo comunicou a Iago Serantes e mesmo se enfadou con el e xa pola tarde decidiu regresar a casa ao día seguinte e díxolle ao seu amigo que non quería que o seguise informando de nada.
Sobre a orixe dese perigo, Rego asegura que nunca soubo a que se debía, pero que non chamou ás Forzas de Seguridade porque "intuía que mi amigo podía estar en un lío y no quería perjudicarlo". En todo caso, aclarou que "en ningún momento me imaginé que el lío fuese de ese nivel"
Asegurou, ademais, que "en ese momento, no pensé que hiciera nada malo, solo comprar ropa para un amigo que necesitaba ayuda".
Enrique Carlos Serantes, pai de Iago, negouse a responder as preguntas do fiscal, Pablo Varela, sobre as conversacións de WhatsApp que mantivo eses días co seu fillo, nas que falan dunha "descarga" ou de "cinco paquetes". A preguntas do seu avogado, respondeu que esas mensaxes que ao fiscal lle resultan sospeitosas son bromas pai-fillo. O seu fillo chegou a dicirlle que, cando lle pagasen faríalle "un giro" e explicou que se refería a que devolverlle un diñeiro que lle prestaba eses días.
Si respondeu a fiscal para explicar que non tivo nada que ver con ningunha operación de drogas, na súa casa apareceron pequenas cantidades de cánnabis porque as usaba "para infusiones" e tiña 3.990 euros en efectivo "porque son míos", para axudar ao seu outro fillo, que ten un negocio de hostalería.
Na súa casa apareceu unha nota manuscrita cunha lista de cousas que necesitaba Agustín da que asegura que non sabe nada e tamén asegurou non coñecer aos acusados Rodrigo e Yago ata eses días nos que o seu fillo viaxou de Palma de Mallorca a Vigo para axudar a Agustín e coincidiu con eles.
Rodrigo Hermida tamén sostivo a súa inocencia, pero culpou a Iago Serantes. Así, relatou que el non tivo ningún contacto con Agustín Álvarez, pero que si soubo del a través do seu outro amigo.
O día 21, segundo relatou, Iago chamoulle para reunirse e díxolle"que había una descarga, si quería participar". Consistía en en unha descarga de droga nunha praia a cinco minutos de Vigo pola que gañarían entre 15.000 e 20.000 euros, pero asegura que "no supe más porque me negué, lo rechacé".
Ao día seguinte, o seu amigo trasladoulle que a descarga se suspendera "por mal tiempo y por falta de combustible" e un día despois, xa o 23 de novembro pola noite, volveu chamar para dicirlle que o seu amigo Agustín estaba metido na descarga, o barco afundiuse e "necesitaba ayuda".
Sempre por indicación de Iago, soubo que había que ir primeiro á casa do seu pai para buscar unhas bolsas con roupa e logo á praia de O Foxo a esperar a Agustín. ""Le dije que sí, que iba a buscarle", envioulle unha localización da praia e presentouse alí sobre a medianoite do 23 ao 24. Foi, segundo asegurou, "para auxiliar a un amigo que estaba en peligro" e porque pensou que xa non había droga polo medio, pois "la descarga se había cancelado y el barco se había hundido".
Permaneceu "entre una hora u hora y media" na praia, coas luces do coche acendidas enfocando ao mar e facendo refachos de cando en vez, tal e como lle indicaba Iago, e foille chamando porque non vía nada. Segundo asegurou, ao chegar, chamou a Agustín, pero o teléfono non lle deu sinal e non lle entraban os WhatsApp. Xa ao día seguinte, borraría o chat.
Estando alí, apareceu a Garda Civil, mentiulles dicíndolles que estaba alí para desconectar tras unha discusión coa súa noiva e abandonou o lugar. Non chegou a ver o narcosubmarino.
Xa non soubo nada máis, segundo asegurou, ata o día seguinte, cando viu as noticias. Nese momento "estaba enfadado porque vi las noticias"e decidiu desfacerse das bosas con roupa e comida tirándoas ao lixo e xa non respondeu nin a unha mensaxe que lle enviou o pai de Iago.
Iago Serantes xa declarara con todo luxo de detalles o mércores e este xoves, cando se retomou a vista, decidiu acurtar o seu testemuño. Debía seguir respondendo as preguntas do fiscal, pero decidiu que xa non falaría máis e só respondería o seu avogado. Foi un testemuño breve para ratificarse no relatado o día anterior.
O xuízo retomarase este venres coas conclusións e informes finais das partes e previsiblemente quedará visto para sentenza. Aí saberase se o fiscal mantén as súas conclusións iniciais ou as modifica. Inicialmente pide para cada un dos sete acusados 13 anos e medio de cárcere e 600 millóns de euros de multa.
Relacionadas:
-
Absolven ou rebaixan a condena aos catro colaboradores en terra do narcosubmarino
Por Redacción |
-
Once anos de cárcere para os tripulantes do narcosubmarino e entre sete e nove para os colaboradores en terra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Javier Romero: "O do narcosubmarino foi unha viaxe suicida. Acabou sendo unha cuestión de supervivencia"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Así é "Operación Marea Negra", a serie sobre o 'narcosubmarino' que Amazon estrea en febreiro
Por Alejandro Espiño |
-
A Fiscalía rebaixa a petición de penas para os acusados polo caso do narcosubmarino
Por Oskar Viéitez |
-
Un acusado do narcosubmarino escúsase na amizade: "Estaba preocupado, es amigo de toda la vida y pedía auxilio"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As luces que delataron a tres fuxitivos con neopreno e destaparon o narcosubmarino
Por Natalia Puga |
-
A estratexia da tripulación do narcosubmarino: participaron por "necesidad económica" e non falan máis por medo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |