Santa Clara reencóntrase coa súa veciñanza
Por Manu Otero & Mónica Patxot
"Que emoción! Tantos anos pasando por aquí desde nena e por fin poder entrar a coñecelo". Foi a expresión dunha veciña da rúa Santa Clara que este mércores puido acceder por primeira vez ao interior dun convento que leva séculos sendo un espectador de luxo da historia da cidade, pero que desde este ano, coa compra do inmoble por parte do Concello, pasará a ser un dos grandes protagonistas do día a día en Pontevedra.
Despois de pechar a compra do convento, de realizar as primeiras visitas e comezar a arrombar unha propiedade que levaba pechada máis de catro anos, as portas de Santa Clara abríronse por primeira vez ao público xeral. E que mellores primeiros convidados que os residentes no barrio.
As estimacións do goberno local quedaron completamente desbordadas ao comprobar que, á hora marcada, as 16.30 horas, as colas estendíanse tanto ata o supermercado como cara ao CGTD. Aínda así, ningún dos preto de douscentos privilexiados que percorreron as estancias do convento e descubriron o impresionante xardín que o rodea quedou sen o seu agasallo de benvida: unha bolsa de tea serigrafiada co só de Santa Clara, así como unha postal e un pin conmemorativo.
A elevada afluencia obrigou aos guias e ao persoal do Concello a establecer ata cinco grupos diferentes que foron accedendo de forma gradual ao interior do edificio. Mentres tanto, os que permanecían á espera podían percorrer con liberdade as súas amplas zonas verdes. Armados móbil en man, as expresións de sorpresa e emoción mesturábanse con relatos de anécdotas da infancia de moitos e moitas pontevedresas que creceron fóra destes muros.
"Moitos cristais rompemos cando xogabamos ao fútbol diante da igrexa", lembraba a súa nenez e a boa relación que mantiñan coas monxas un veciño do barrio. E é que aínda que eran monxas de clausura e o contacto co mundo exterior era moi limitado, as internas mantiñan unha estreita relación cos seus veciños, que acudían ao convento para adquirir doces ou entregar ovos para asegurar que o día da súa voda non caese un diluvio.
De explicar como vivían as monxas no convento aos asistentes ocupáronse os guias e tamén o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, quen xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores deron a benvida á primeira rolda de visitantes ao novo centro de peregrinación pontevedrés. A partir da próxima fin de semana, as portas do convento volverán abrirse para seguir asombrando a todo o conxunto da cidadanía.
Relacionadas:
-
Anuncian próximas visitas guiadas a Santa Clara e a apertura da igrexa para actos culturais
Por María José Pita |
-
Pontevedra e Santa Clara, máis unidos que nunca
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 7.000 pontevedreses visitaron os xardíns de Santa Clara durante a primeira fin de semana de portas abertas
Por Redacción |
-
A historia gráfica de Santa Clara, no calendario municipal de 2022
Por Redacción |
-
Os pontevedreses lánzanse a coñecer Santa Clara: "Estou alucinando"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Todo preparado para as xornadas de portas abertas á horta de Santa Clara
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Satisfacción no Concello pola acollida da cidadanía na xornada de portas abertas do convento
Por Oskar Viéitez |
-
Asinan o protocolo para estudar se Santa Clara pode formar parte do Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello acorda a cesión definitiva de Santa Clara á Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os xardíns de Santa Clara póñense a punto para as xornadas de portas abertas
Por Redacción |
-
Os xardíns de Santa Clara abrirán á cidadania os días 18 e 19
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Santa Clara xa é de toda Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |