
© Deputación de Pontevedra
Toma de contacto con Santa Clara das empresas internacionais aspirantes a transformar o convento en "estandarte do Museo"

Por Anxo Lourido

© Deputación de Pontevedra

© Deputación de Pontevedra

© PontevedraViva

© PontevedraViva

© Deputación de Pontevedra
Representantes dos estudos Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e da UTE Snohetta-Alfonso Penela dábanse cita este martes en Santa Clara para realizar unha primeira visita conxunta ás instalacións do complexo do antigo convento.
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e Xosé Manuel Rey, director do Museo Provincial, realizaban unha exposición inicial aos representantes dos cinco estudos de arquitectura finalistas no conxunto de proxectos para a rehabilitación de Santa Clara, que deberán presentar os seus anteproxectos antes do inicio do verán deste 2023.
Mosquera lembrou a gran ilusión que ten toda a provincia por esta actuación que permitirá integrar este espazo no tecido urbano e asegurou que a intención é converter estas instalacións no "estandarte do Museo". "Había interese soterrado por saber que pasaba aquí dentro", expuxo o vicepresidente provincial destacando as 17.000 persoas que visitaron xa este recinto.
Pola súa banda, Xosé Manuel Rey explicou as diferentes etapas construtivas dos edificios deste espazo que el lembrou que é denominado como o "Museo Nacional de Galicia". Tamén indicou a importancia de buscar un equilibrio para manter a singularidade dos espazos, ordenalos e facilitar o seu uso público; establecer máis accesos ao recinto tanto pola zona norte como pola sur, racionalizar espazos creando zonas expositivas.
Rey indicaba aos medios de comunicación que o seu desexo é que as empresas "pensen e tomen o proxecto con agarimo e con moito amor" lembrando que é unha actuación complexa, dun recinto moi grande, que integra un número importante de edificacións diferentes e unha ampla zona verde. O director do Museo afirmaba que esta xornada senta as bases da nova configuración do complexo de Santa Clara para que se converta nun "punto nodal" para o goce da cidadanía.
O equipo de arquitectura con máis puntuación na primeira selección do concurso de anteproxectos foi Nieto Sobejano, con 100 puntos dos 100 posibles. Os principais socios, Fuensanta Nieto e Enrique Sobejano, achegáronse este martes por Santa Clara, acompañados polo museólogo Antoni Nicolau.
Enrique Sobejano sinalaba que o seu estudo sempre se enfocou a intervencións no Patrimonio e edificios culturais pero, engadiu, poucas veces enfrontáronse ás circunstancias que conflúen en Santa Clara. Argumentou neste sentido que, por unha banda, trátase dun edificio histórico con gran valor patrimonial, pero por outra banda tamén é un lugar que "ten unha topografía tremendamente presente que influirá moito no proxecto".
Destacou que forma parte do "verdadeiro corazón da cidade de Pontevedra" e que o proxecto lle interesou porque é un edificio que durante séculos mantívose pechado e enclaustrado e agora pretende transformarse nun espazo público. "Os museos contemporáneos, a súa maior necesidade non só radica nas coleccións e nas exposicións, senón en transformarse en espazos públicos que modifiquen e melloren a relación coa cidade", apuntou.
Fuensanta Nieto indicou en relación coa explicación do director do Museo que lle interesaba as construcións e reconstrucións de edificios do convento, demolicións e engadidos, aspectos que queren contemplar no proxecto co obxectivo de que "todo funcione como un todo" e que, ao mesmo tempo, o conxunto sexa parte dos outros edificios que pertencen ao Museo. "É un auténtico reto", concluíu.
Ambos fixeron referencia a que a rehabilitación está relacionada coa cultura de cada lugar e coa execución dos edificios. Neste caso, Sobejano destacou "os impresionantes perpiaños de granito que non se atopan noutros edificios doutros lugares. Iso leva consigo patoloxías e outros aspectos técnicos que son fundamentais para que funcione o edificio".
Pola súa banda, o museólogo Antoni Nicolau avanzou que se presenta un desafío afrontar como debe ser un museo histórico arqueolóxico do século XXI e a súa relación co espazo público de horta cunhas reservas visitables ou cun centro de xestión arqueolóxica.
Os representantes de Nieto Sobejano destacaron o elevado nivel dos competidores que se presentaron ao concurso. Entre elas atópase a gañadora este ano do premio Pritzker de arquitectura: David Chipperfield, que se presenta a través dunha UTE con Carlos Seoane.
Relacionadas:
-
O futuro de Santa Clara, en fase de estudo pola nova Deputación, co horizonte de "tres ou catro semanas" para decidilo
Por Natalia Puga |
-
A finais de 2023 agárdase o inicio da rehabilitación dos edificios históricos do Museo coa inclusión da conexión soterrada
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As firmas que aspiran a rehabilitar Santa Clara analizan o espazo ao milímetro
Por Redacción |
-
Programan visitas guiadas ao convento de Santa Clara para os veciños do rural
Por Oskar Viéitez |
-
Cinco estudos con 77 premios internacionais no seu haber, finalistas na pugna por rehabilitar Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
Estudos de España, Reino Unido, Xapón, Alemaña, Portugal, Noruega ou Dinamarca, interesados en Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
Estiman que a rehabilitación de Santa Clara irá a 22 millóns: "En Galicia non houbo un proxecto tan ambicioso como este"
Por Oskar Viéitez |
-
Un estudo xeotécnico revisará as patoloxías de Santa Clara para decidir que "manter, derrubar ou reforzar"
Por Redacción |