A chegada de Pepe Vieira ao Pazo da Buzaca potencia a Moraña como referente para a celebración de eventos
Por Oskar Viéitez
Moraña ten diversos atractivos turísticos e patrimoniais que se converteron nun punto de referencia para os organizadores de eventos, sobre todo de enlaces matrimoniais.
Proba delo é a aposta de grandes referentes do sector por iniciar proxectos emprendedores na contorna, como acontece co Estrela Michelín Pepe Vieira, que explotará o Pazo da Buzaca.
Ata o pazo achegouse o alcalde, José Cela, que realizou unha visita para comprobar o avance dos traballos de reforma, acompañado por un representante da empresa do cociñeiro, así como do arquitecto e demais corpo técnico encargado da execución dos traballos, cos que adecuarán o espazo para a celebración de bodas e banquetes.
O rexedor conversou cos responsables da reforma para coñecer o estado dos traballos, "xa que o obxectivo é poder iniciar pronto a actividade", aseguran desde a empresa, que xa ten as primeiras reservas de boda feitas e calendarizadas.
Cela asegura que "esta aposta por Moraña e por este inmoble de elevadísimo valor patrimonial é síntoma de que o noso Concello ten un gran potencial no que respecta ao turismo cultural e de eventos, como as bodas, para as que cada vez as persoas buscan espazos diferentes e cunha riqueza especial, como o caso da Buzaca".
A remodelación deste pazo súmase á actividade que xa desempeña con gran calidade desde hai tempo o outro pazo do municipio, o da Toxeiriña, "outra marabillosa opción", engade o alcalde, que afirma que a atracción turística dos eventos "permite a moita xente de fóra de Moraña coñecer a nosa vila e descubrir todo o que ofrece".
Cela desexoulle ao equipo de Pepe Vieira moita sorte na nova andadura empresarial e incidiu na necesidade de seguir creando tecido produtivo e laboral en Moraña, "a través de ideas coma esta, que ademais sirvan para poñer en valor o noso patrimonio".
Relacionadas:
-
A reforma do Pazo da Buzaca en Moraña recibe o Prix Versailles 2023
Por Redacción |
-
Produto fresco con ADN Pepe Vieira: todo listo para a cea baile da Peregrina no Casino
Por Redacción |
-
Pontevedra renova as súas 'estrelas' e Galicia aumenta á súa constelación gastronómica
Por Alejandro Espiño |
-
Pepe Vieira rehabilitará o histórico Pazo da Buzaca para celebrar nel vodas e eventos
Por Redacción |