Pepe Vieira rehabilitará o histórico Pazo da Buzaca para celebrar nel vodas e eventos
Por Redacción
O histórico Pazo da Buzaca, situado na parroquia de San Lorenzo de Moraña, será obxecto dunha remodelación para adaptarse á celebración de voda e outros eventos. Acaba de adquirilo o chef Estrela Michelín Pepe Vieira, que ten o seu restaurante en Poio e tamén explota La Ultramar en Pontevedra, e prevé servir as primeiras vodas en 2022.
Segundo deu a coñecer a empresa, ao longo deste ano farase unha intervención no espazo respectando a esencia do pazo para convertelo no lugar ideal para a celebración de vodas e eventos de todo tipo. Fundado a finais do século XVI, levántase sobre a base dunha fortaleza da época medieval.
O salón de eventos remodelarase por completo así como tamén serán remodeladas as habitacións e os espazos exteriores como o xardín, a piscina e a entrada. Adaptarase todo seguindo a imaxe, os canons e estándares da marca Pepe Vieira.
O novo local chamarase Pazo da Buzaca Pepe Vieira e estará xestionado polo propio persoal de Pepe Vieira. Desta forma, ofrecerá a mesma cociña que a dos eventos que se celebran no restaurante, premiada cunha estrela Michelín e 2 soles Repsol e que conta cunha recentemente estreada estrela verde que premia a sustentabilidade e o respecto á contorna.
No Pazo da Buzaca destaca especialmente a contorna, pois está situado en plena natureza, sen ningunha vivenda ao redor pero cun fácil acceso a 25 minutos en coche desde a cidade de Pontevedra.
Ademais, será un dos poucos pazos que aproveiten o seu interior para poder ofrecer o aperitivo no caso das vodas de inverno ou lla climatoloxía é desfavorable.
O Pazo da Buzaca conta con 3.458 metros cadrados construídos e unha parcela de máis de 40.000 metros cadrados. Ten ata 13 habitacións, 15 baños, piscina e un xardín que conta con árbores centenarias.