A experiencia de Ponte Caldelas cos incendios de 2017 chega á Universidade de Santiago
Por Redacción
A xornada do 15 de outubro de 2017, na que os incendios conmocionaron Ponte Caldelas, ameazaron 20 núcleos de poboación e queimaron 2.900 das 8.700 hectáreas do municipio reviviuse este venres na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, foi o encargado de facer un repaso pola tráxica xornada con motivo da súa participación nas xornadas técnicas 'Los incendios y las especies exóticas invasoras. Implicaciones en la gestión pre y post-incendio' organizadas pola universidade compostelana.
O alcalde falou sobre os efectos destes incendios e explicou que os danos foron especialmente graves nas redes veciñais de traídas de augas, nos tendidos telefónicos e en varias vivendas e vehículos. Así, destacou que o Concello viuse no combate contra as lapas e tamén para corrixir os seus efectos nas semanas e meses posteriores.
Na súa intervención, destacou que o Concello decidiu seguir as directrices marcadas polo enxeñeiro forestal da Universidade de Aveiro, Sergio Prats, experto en mitigación da erosión. Para elo puxo en marcha unha convocatoria de voluntariado na que se seleccionaron 200 persoas para acometer a bautizada como 'operación mulching', desenvolvida ao longo de tres domingos do mes de novembro.
A continuación, realizouse unha sementeira de centeo nas zonas tratadas para maximizar a recuperación. Segundo destacou, os resultados preliminares son moi satisfactorios, pois apréciase unha maior recuperación da cuberta vexetal. Unha última actuación directa nos montes estivo dirixida aos escolares e consistiu na plantación de landras de carballo nunha contorna previamente seleccionada.
Ademais, abriuse unha conta solidaria en colaboración coa ONG Cáritas para recadar fondos e chegar a onde as axudas oficiais da Xunta de Galicia non chegaron e iniciouse unha campaña para a obtención e reparto de forraxe solidaria para axudar ás explotacións gandeiras e ás persoas con animais domésticos.
Tamén organizou unha homenaxe cívica a todos os colectivos e persoas que colaboraron na loita contra o lume naquela noite.
Estas xornadas, de grande interese para xestores forestais, mancomunidades de montes, propietarios de terreos forestais e persoas relacionadas co monte, están enmarcadas dentro do proxecto 'Severidad de grandes incendios en sistemas forestales propensos al fuego: condicionantes, efectos en la provisión de servicios y soluciones de gestión pre- y post-incendio (FIRESEVES)', do 'Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación Orientada a los Retos de la Sociedad'.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas pide á Xunta axudas para a limpeza de leiras nas franxas de seguridade contra incendios forestais
Por Redacción |
-
Andrés Díaz confirma que optará á reelección en 2023 como alcalde de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas organiza unhas xornadas de prevención de lumes forestais
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas rende homenaxe ao voluntariado no primeiro aniversario do seu 'domingo negro'
Por Redacción |
-
Recadan máis de oito mil euros para os afectados polos incendios en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os damnificados polos incendios recibirán 3.420 euros da gala benéfica solidaria
Por Redacción |
-
2.900 hectáreas calcinadas en Ponte Caldelas, 1.500 en Caldas e 500 en Cotobade
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada