Ponte Caldelas rende homenaxe ao voluntariado no primeiro aniversario do seu 'domingo negro'
Por Redacción
Ponte Caldelas celebrou este luns o seu particular Día Local do Voluntariado, unha conmemoración que fixaron o 15 de outubro con motivo do primeiro aniversario do 'domingo negro', no que no ano 2017 os incendios calcinaron 2.900 hectáreas do municipio.
O Concello organizou un acto institucional sinxelo na Casa da Cultura ao que asistiron un total de 82 persoas das que durante os días posteriores aos incendios participaron na denominada 'operación mulching' para a recuperación das zonas queimadas.
O acto foi unha homenaxe colectiva que quedou simbolizada coa entrega da insignia do Concello a todos os asistentes e a lectura dunha declaración institucional na que o alcalde, Andrés Díaz, puxo en valor os positivos efectos daquel traballo, non só polos resultados ambientais, senón tamén polo exemplo de compromiso social que un pequeno municipio, de 5.700 habitantes, deu a toda España, "un berro colectivo para reclamar outro modelo de xestión forestal".
A homenaxe tamén incluíu a inauguración da exposición 'Palla e Centeo', que amosa os efectos do tratamento con palla, centeo e landras de carballo realizado nas áreas de Ponte Caldelas afectadas polo lume en tan só uns poucos meses.
Ademais, o colectivo ecoloxista A Rente do Chan explicou os datos dun estudo científico realizado para evidenciar os efectos do 'mulching'. Gabriel Zas destacou que o tratamento con palla evitou que 700 toneladas de cinzas acabaran nos ríos e presentou evidencias que indican que mentres o monte sen tratar perde unhas 21 toneladas de solo vexetal por hectárea, o monte tratado só perde unha tonelada (un 97% menos).
O Concello convidara a participar a todas as persoas voluntarias daquela 'operación mulching', preto de 200.