A Xunta non humanizará Monte Porreiro: "Se está abandonado é responsabilidade do Concello"

Por Alejandro Espiño
O goberno galego non recuperará o seu proxecto para humanizar Monte Porreiro, unha actuación paralizada desde hai máis de oito anos. A Xunta entende que non lle corresponde ao executivo autonómico resolver os problemas do barrio porque esa competencia é municipal.
Así o sinalou no Parlamento galego o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, en resposta a unha preguntada formulada pola deputada do PSdeG-PSOE, Paloma Castro, sobre os 8,5 millóns pendentes de investir.
"Se está abandonado hai que reclamarlle esa responsabilidade ao Concello porque é a súa competencia", sinalou García, que considera "sorprendente" que os socialistas esixan esta actuación á Xunta cando deberían "poñer a mirada no sitio adecuado".
Monte Porreiro, recordou o director do IGVS, é un barrio de iniciativa pública que, tras a súa construción e urbanización inicial, foi cedido ao Concello que, segundo engadiu, é "consciente" da situación na que se atopa todo este ámbito urbano.
O seu organismo "dentro das nosas competencias" xestiona 60 vivendas de promoción pública con alugueres "asumibles" e realiza o mantemento "adecuado" desas vivendas, nas que se investiron 1,2 millóns na reparación e adecuación das súas fachadas.
Ademais, recordou que concedeu 650.000 euros en axudas á rehabilitación de edificios.
A isto, o responsable do IGVS recordou que o Concello recibiu do instituto oito parcelas para zonas verdes, a cambio de ceder parcelas na cidade para impulsar vivenda pública. Por esta última parte do acordo, segundo Heriberto García, "aínda estamos esperando".
Paloma Castro, pola súa banda, acusou á Xunta de "tomarlle o pelo" á veciñanza do barrio e asegurou que o PP "ten a cara de cemento armado" cando acude ao barrio e denuncia publicamente as carencias existentes porque "é un claro engano á veciñanza".
"Estamos ante outra promesa electoral do PP incumprida, que afecta a un barrio de familias obreiras, que en todo este tempo xa foron golpeadas por dúas crises e ás que o goberno de Feijóo ten abandonadas", subliñou a deputada socialista.
Castro recordou que queda por realizar as actuacións na zona entre as vivendas sociais da rúa Alemaña, a intervención na zona libre entre os bloques de vivendas e a actuación na praza central e os espazos libres entre as rúas Bélxica, Reino Unido, Luxemburgo e Alemaña.
Esa iniciativa serviría, segundo a deputada, para mellorar unha zona que, a día de hoxe, ten beirarrúas levantadas cun parcheado continuo, unha zona de terra e pedras no medio do barrio, farois de obra que non iluminan ou estradas e aparcadoiros cheos de fochancas.
Relacionadas:
-
O Concello lanza unha enquisa para completar o plan de reforma urbana de Monte Porreiro
Por Manu Otero |
-
Os veciños de Monte Porreiro piden o dobre sentido na rúa Francia para reducir o tráfico pola rúa Alemaña
Por Manu Otero |
-
A falta de entendemento entre a asociación de veciños e o Concello paraliza os investimentos en Monte Porreiro
Por Manu Otero |
-
Nova protesta veciñal en Monte Porreiro para demandar diálogo e investimentos ao goberno local
Por Mónica Patxot & Redacción |