Iñaki Bretal inaugura o martes en Marín unha serie de xornadas de formación no cociñado de produtos pesqueiros locais
Por Redacción
O Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria (EEIA), ubicado no Parque Azul de Cantodarea, ofrecerá o martes 26 de outubro, de 10 a 13 horas, unha acción formativa da man do cociñeiro Iñaki Bretal. O obxectivo desta formación é o de poñer en valor os mariscos que se atopan na nosa ría e que son menos coñecidos, para aprender como incorporalos na oferta gastronómica.
O evento está dirixido a todas aquelas persoas con interese en coñecer máis profundamente o producto local pesqueiro da nosa contorna para poder aplicalo despois en elaboracións culinarias. A modalidade do curso será presencial e terá un máximo de 12 participantes. De xeito específico, Bretal ensinará como elaborar pratos de calidade con ameixón, moelo, zamburiña, volandeira e outros produtos de tempada que o cociñeiro considere interesantes para a súa preparación.
Esta acción é a primeira dunha serie de dez xornadas de formación e promoción de produtos marítimo-pesqueiros que terán lugar ao longo deste último trimestre do 2021 e no próximo ano na aula de formación do EEIA.
O Concello de Marín, que é o promotor do proxecto e da dotación de equipamento para a aula, solicitou unha subvención ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas pola Consellería do Mar, En total, a inversión é de 32.000 euros, dos cales o 80 % son aportados pola Consellería e o 20 % restante polos fondos propios municipais.
Para participar, será preciso realizar unha incripción previa, escribindo un mail indicando nome, DNI, teléfono e empresa (se se pertence a algunha relacionada co sector da gastronomía) a marin@ajepontevedra.com ou chamando ao teléfono 637762082.
Relacionadas:
-
Unha clase sobre afumados, broche para as masterclass de Iñaki Bretal en Marín
Por Redacción |
-
Nove clases maxistrais para aprender a cociñar os peixes e mariscos da ría
Por Redacción |
-
O Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria dará formación sobre coctelería de mar
Por Redacción |
-
Clase maxistral sobre os mariscos máis descoñecidos das Rías Baixas ao estilo Masterchef
Por Manu Otero & Mónica Patxot |