Nove clases maxistrais para aprender a cociñar os peixes e mariscos da ría
Por Redacción
As cociñas do Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín, ubicado no Parque Azul, será o lugar no que se desenvolverán clases maxistrais para aprender a cociñar os peixes e mariscos da ría.
O profesor será o cociñeiro con Estrela Michelín e membro do Grupo Nove, Iñaki Bretal.
A formación repartirase a longo do 2022, con distintas temáticas. Este xoves, día 10 de febreiro, será a primeira e centrarase nas ostras, nas distintas variedades que hai nas rías galegas, comparándoas con outras especies foráneas.
O 8 de marzo, o peixe protagonista será a lamprea. Os participantes aprenderán como limpala e cociñala para que saiba deliciosa. Xa o 22 de marzo será a quenda das ameixas galegas. Iñaki Bretal ensinará aos alumnos a diferenciar entre a babosa, a rubia, a fina... e todas as variedades típicas da zona.
O 5 de abril, o cociñeiro ensinará facer distintas elaboracións de escabeches marinados e a sesión do 26 de abril servirá para aprender a diferenciar entre especies que levan á confusión, como a navalla e o longueirón ou a zamburiña e a volandeira.
En maio, será a quenda de dous clásicos da nosa cociña: o polbo, ao que se dedicará a clase do día 10, na que aprender a cociñalo ao baleiro; e o bonito, que o cociñeiro ensinará a despezar, neste caso o día 24.
O 20 de setembro será a penúltima masterclass sobre peixes pouco coñecidos e a última, a que pechará o ciclo, será o 4 de outubro, na que se ensinará a técnica do afumado.
Estas accións formativas contan cunha subvención solicitada polo Concello, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do FEMP para os anos 2021 e 2022.
Xunto a elas, tamén se inclúe nesta subvención o equipamento da Aula de Formación. O orzamento total é de 31.126 euros, dos cales o 80% (25.706 euros) son subvencionados pola Consellería do Mar e o 20% restante son fondos propios municipais.
A iniciativa, ademais, enmárcase nos obxectivos específicos do programa operativo FEMP, que procura o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e da acuicultura.
INSCRICIÓNS
Para participar das masterclass, é preciso inscribirse a través de marin@ajepontevedra.es. Pódese tramitar a inscrición para unha soa das masterclass ou para varias.
A capacidad máxima é de 12 persoas por clase.
Relacionadas:
-
Unha clase sobre afumados, broche para as masterclass de Iñaki Bretal en Marín
Por Redacción |
-
Aberta unha nova convocatoria para financiamento de proxectos ligados ao mar
Por Redacción |
-
O Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria dará formación sobre coctelería de mar
Por Redacción |
-
Clase maxistral sobre os mariscos máis descoñecidos das Rías Baixas ao estilo Masterchef
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Iñaki Bretal inaugura o martes en Marín unha serie de xornadas de formación no cociñado de produtos pesqueiros locais
Por Redacción |