A AECC celebra os seus 50 anos de apoio á investigación
Por Mónica Patxot & María José Pita
Con motivo do 50 aniversario da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e no marco do mes da investigación, a AECC en Pontevedra instalou na praza de Ourense ata este domingo 26 de setembro unha exposición na que se mostran os avances que se produciron na investigación contra o cancro desde 1971.
"A Asociación Española Contra o Cancro fundou no ano 1971 a Fundación Científica co propósito de fomentar e promover a investigación para que se aumentase a supervivencia dos pacientes con cancro apoiando economicamente a investigadores de gran categoría para desenvolver as súas liñas de investigación", sinalaba a presidenta da Sede Provincial da AECC, Carmen Abeledo.
Ademais deste apoio á investigación, as actividades da asociación diversificáronse para abarcar todos os aspectos relativos á atención e acompañamento ao paciente oncolóxico: social, psicolóxico, xurídico, orientación médico-sanitaria ou complementando o tratamento con terapias. Carmen Abeledo poñía o exemplo do traballo de logopedia no caso dos cancros de cabeza e pescozo e a emoción que se produce cando un paciente logra dicir as súas primeiras palabras.
Estas explicacións eran seguidas con detemento polas concelleiras Eva Villaverde e Carmen Fouces e a delegada territorial da Consellería de Sanidade, Natalia Botana, que se achegaron a coñecer a exposición fotográfica coincidindo coa celebración este 24 de setembro do Día Mundial da Investigación en Cancro. Carmen Fouces achegaba o seu caso persoal para agradecer o labor da AECC. Relataba a concelleira que logrou deixar de fumar hai 23 anos grazas a un curso de deshabituación tabáquica dos que periodicamente organiza a asociación. Actualmente, o 60% dos asistentes a estes cursos abandona o hábito de fumar e en torno ao 40-45% mantense afastado do tabaco meses despois, confirmaba a presidenta provincial.
Eva Villaverde, concelleira de Mantemento de Espazos Públicos, apuntaba a que esta visita reafirma o apoio do Concello de Pontevedra coa AECC, tanto cedendo o espazo e custeando os soportes da exposición como noutras actividades como as "andainas". Villaverde destacaba que máis aló da achega do Concello os protagonistas da exposición son os membros da asociación e moi especialmente o equipo de voluntariado. "Á parte de poder visibilizar a investigación, que a propia xente saiba os avances que se están facendo, o importante que é o financiamento fundamentalmente por parte das Administracións Públicas, e o que supón o avance tanto na cura da enfermidade como na mellora da calidade de vida", expoñía a concelleira.
A exposición compleméntase cunha carpa na que o equipo de voluntariado ofrece información sobre a actividade da AECC e tamén comunica unha visión didáctica. É o caso do experimento que realizaron durante a visita institucional a través do que mostraron como as investigacións máis avanzadas en cancro poden partir da observación de fenómenos naturais aparentemente simples. In situ introduciron patacas cortadas en anacos nun recipiente ao que engadiron auga osixenada e que reproduciría o proceso semellante ao que se investiga para acelerar a eliminación de tóxicos da quimioterapia.
MÓNICA MARTÍNEZ, INVESTIGADORA EN INMUNOTERAPIA
A exposición recolle os fitos na investigación no cancro dos últimos 50 anos, entre os que atopamos a liña desenvolvida pola doutora Mónica Martínez Fernández, investigadora Miguel Servet no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, situado no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, que tamén se atopaba presente neste percorrido para visibilizar o labor que se fai dentro dos laboratorios co apoio económico imprescindible da AECC.
Dra. Martínez, iniciou contrato no Álvaro Cunqueiro recentemente, en xaneiro deste ano, nun grupo de investigación en oncoloxía molecular traslacional e, segundo comentaba durante a visita, a liña de investigación fundamental é a inmunoterapia.
Temos algún proxecto de diagnóstico precoz aínda en marcha pero ultimamente case todo se están envorcando na inmunoterapia porque resultou unha revolución nos últimos anos nos tratamentos oncolóxicos que había dispoñibles. A idea é reactivar o sistema inmune do propio paciente, que sexa o seu sistema inmune o que sexa capaz de recoñecer as células tumorais e atacalas desde dentro. E isto supuxo un cambio en moitos tumores que inicialmente tiñan un mal prognóstico, hai pacientes que conseguen responder ao longo dos anos e iso é moi prometedor. Ao principio empezouse a dar en só certos tipos tumorais e agora estase abrindo máis o abanico. Tamén ao principio era segunda opción este tratamento e agora xa se está dando en primeira liña e as respostas son moi esperanzadoras.
En que tipo de cancro está máis avanzada a investigación e o tratamento con inmunoterapia?
Empezouse co melanoma, e é o tipo de cancro no que se leva máis aplicando. Supuxo o cambio de non ter un tratamento que a longo prazo lles puidese dar moita esperanza aos pacientes a ter esta opción. E o segundo foi o de pulmón, que é no que estamos a traballar nós, que é o tumor máis mortal a día de hoxe, o que máis mortes produce tanto en homes como en mulleres, e o problema é que aparece en estadíos moi avanzados onde as opcións cirúrxicas non existen, entón temos que conseguir atopar terapias que funcionen ben nun curto espazo de tempo e que sexan o menos agresivas posibles. Despois tamén estamos a traballar en cancro de vexiga e ril, e temos tamén algún de diagnóstico precoz na cabeza e pescozo.
Outro dos avances da inmunoterapia estaría en que provoca menos efectos secundarios que a quimioterapia. A que se debe este fenómeno?
A quimioterapia ao final é algo que é un pouco inespecífico. O que lle pasa ás células tumorais é que teñen unha capacidade de división de maneira constante, pero vólvense tolas e divídense sen control. Entón atacamos distintos mecanismos coa quimioterapia para que non se dividan, pero afectas tanto ás células sas como ás tumorais, e entón os efectos secundarios adoitan ser máis importantes. A idea da inmunoterapia é que como traballas desde o noso propio interior, é o noso sistema inmune o que está a reaccionar, e si que ten efectos secundarios pero non tan importantes como a quimioterapia.
Fálase da inmunoterapia como a medicina do futuro, con tratamentos personalizados. Ata que punto é así?
Con respecto á medicina personalizada, poderíase englobar a inmunoterapia aí, pero en realidade ao que imos é a ter un mapa xenético de cada tumor, caracterizar a cada paciente segundo as alteracións que teñen e dar drogas ou tratamento acorde a iso. Por exemplo, en pulmón, ademais da inmunoterapia, hai catro ou cinco tratamentos que están especializados para eses pacientes que teñen esas alteracións. Entón cando chega un paciente con cancro de pulmón vese se algunha desas terapias está indicada. Na inmunoterapia o que buscamos é biomarcadores para ver que lle pode ir ben ao paciente, se empezamos por eses tratamentos ou directamente coa inmunoterapia. E é o que lle chamamos medicina de precisión, é dicir, ir tendendo cara a "un paciente, un tratamento".
Para finalizar, abandonou unhas horas o seu grupo de traballo no Álvaro Cunqueiro para visibilizar a importancia de que se apoie á investigación, como fai a AECC. Cal é a saúde dos científicos en España?
A investigación actualmente en España, creo que facemos moitas cousas con moi pouco diñeiro. Hai poucos investigadores porque non hai unha carreira científica como tal, e estamos todo o tempo pelexando por todo. Eu como agora son responsable do meu grupo de investigación teño que pelexar polo meu contrato que acaba aos cinco anos e teño que avaliarme ano a ano. Ademais, cada un dos estudantes ten que conseguir o seu financiamento propio en cada unha das convocatorias. É unha pena que sexa un traballo que aínda teña moito de vocacional. É un traballo moi bonito pero creo que deberiamos ter unhas condicións que nos permitan facelo cunha certa estabilidade, para que os estudantes se propoñan investigar aquí e non ter que ir ao estranxeiro. Por iso agradecemos o labor da Asociación Española contra o Cancro e de todas as asociacións que nos dan un pouco de osíxeno neste sentido.
Relacionadas:
-
A loita contra o cancro volverá poñer en marcha aos pontevedreses
Por Redacción |
-
Sanxenxo acolle ata o domingo a exposición '50 anos cambiando a historia do cancro'
Por Redacción |
-
A exposición "50 anos cambiando a historia do cancro" chega a Cerponzóns
Por Redacción |
-
A AECC financiará unha investigación da UVigo para detectar o risco de cancro de colon no microbioma
Por María José Pita |
-
A AECC volve "sacar peito" contra a vulnerabilidade que xera o cancro de mama
Por Redacción |
-
A fachada do Provincial ilumínase para lembrar as perdas perinatais
Por Redacción |
-
A saúde mental en tempos de pandemia pasa a primeiro plano este martes en Montecelo
Por Redacción |
-
A AECC pecha o primeiro semestre do ano con 1.361 intervencións na cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Asociación Contra o Cancro aluga un local en Eduardo Pondal quedando a sede actual á venda
Por Oskar Viéitez |
-
15.000 euros para o Programa de Atención Bio-Psico-Social da AECC en Pontevedra
Por Redacción |
-
A AECC, unha década promovendo a inserción laboral de persoas con cancro en Pontevedra
Por Redacción |
-
Comeza un novo taller de axuda de loito na Asociación contra o Cancro
Por Redacción |
-
Rutas Saudables para reducir o risco de cancro promovidas pola AECC e a Concellería de Deportes
Por María José Pita |