Cubela, satisfeito co aumento de efectivos da Garda Civil de Cerdedo e a ampliación a todo o municipio
Por Redacción
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, acompañado por representantes do equipo de Goberno mostraba este mércores a súa satisfacción pola incorporación de novos efectivos ao cuartel da Garda Civil de Cerdedo e pola ampliación xurisdicional deste equipo ata a zona de Cotobade e, por tanto, ampliar a súa actuación a todo o municipio.
Segundo manifestaba o rexedor foi necesario un ano de xestións políticas para logra esta consolidación do cuartel da Garda Civil ao pasar de dous axentes a contar cun sarxento, un cabo e catro gardas civís.
Ata o momento, tal e como manifestaba Cubela, a veciñanza de Cotobade tiña que acudir a outras instalacións da Garda Civil noutros municipios para presentar calquera denuncia. O alcalde recoñecía que temeron que o Goberno central estivese a pensar no seu desmantelamento. Cubela destacou que todos os integrantes da Corporación Municipal defendesen unidos a permanencia do cuartel reclamando a ampliación do servizo á zona de Cotobade.
NOVA DENOMINACIÓN
O cuartel pasará agora a chamarse Posto da Garda Civil de Cerdedo-Cotobade e atenderá as necesidades relacionadas con seguridade cidadá de ao redor de 6.000 habitantes. O alcalde Jorge Cubela defende como un éxito da fusión esta decisión do Goberno central que, ademais de consolidar servizos, permite aumentar atencións á cidadanía.
Lembrou, neste sentido, que no seu momento foi dura a perda do cuartel de San Xurxo de Sacos, a mediados da década dos 80, de maneira que a zona de Cotobade pasaba a depender da Comandancia de Pontevedra. Desde entón reclamábase unha maior proximidade da Benemérita.
Relacionadas:
-
A Xunta colaborará na rehabilitación do vello cuartel da Garda Civil de San Xurxo como vivendas sociais
Por Oskar Viéitez |
-
A Garda Civil reorganiza os seus servizos en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Os habitantes de Cerdedo e Cotobade aínda son diferentes se requiren á Garda Civil
Por Redacción |
-
Unanimidade en Cerdedo-Cotobade para aprobar accións en defensa da N-541 e do cuartel da Garda Civil
Por Redacción |
-
Cubela esixe ao Goberno a reactivación do cuartel da Garda Civil de Cerdedo ante os recurtes de horario e efectivos
Por Redacción |