Cubela esixe ao Goberno a reactivación do cuartel da Garda Civil de Cerdedo ante os recurtes de horario e efectivos
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vai esixir ao Goberno de España que proceda á "reactivación inmediata" do cuartel da Garda Civil de Cerdedo tras percatarse dos recurtes en horario de atención aos cidadáns, xa que se suprimíu por completo, e na cifra de efectivos, posto que agora mesmo só hai dous axentes para cubrir o territorio, aspecto que o goberno local considera "insuficiente e irrisorio".
O rexedor, que anunciou que vai trasladar esta demanda por carta a vindeira semana á Subdelegación do Goberno, revelou que nestes días chegaron ao Concello queixas de veciños por esta cuestión e, ademais, o goberno local comprobou directamente que o cuartel permanece pechado despois de personarse ata tres veces, por medio de Lourdes Ovelleiro, para interpoñer unha denuncia con motivo dun roubo no punto limpo municipal. Desta maneira, dado que non hai ninguén no edificio, tampouco se atenden as chamadas telefónicas.
Ante esta situación, dende o executivo puxéronse en contacto coa Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, que lles explicou que agora mesmo o cuartel cerdedense só conta con dous efectivos, que teñen que facer patrullas e outros traballos fóra do recinto, xa que o resto de números trasladáronse en comisión de servizo sen que foran restituidos. Por este motivo, indicáronlle ao goberno local que para interpoñer a súa denuncia, así como para calquera atención aos cidadáns, deben desprazarse a Forcarei ou Lalín.
"É inadmisible que os cidadáns de Cerdedo-Cotobade teñamos que trasladarnos a Forcarei para calquera cuestión relacionada coa Garda Civil, onde só se atende de 9.00 a 14.00 horas en días laborables, ou a Lalín, que está a 40 quilómetros de Cerdedo", lamentou Cubela.
Así, demandou que se restitúan de inmediato as prazas perdidas ata recuperar os cinco efectivos que estaban atendendo o cuartel cerdedense e que se faga un plan serio do servizo de Garda Civil e da seguridade cidadá para o territorio "tendo en conta que o edificio remozouse e modernizouse hai pouco tempo cun forte investimento, que debe dar cobertura a un gran territorio e que se trata dun cuartel estratéxico por canto é o único que está no percorrido da N-541 dende Pontevedra ata o concello ourensán do Carballiño".
Relacionadas:
-
Cubela, satisfeito co aumento de efectivos da Garda Civil de Cerdedo e a ampliación a todo o municipio
Por Redacción |
-
Os habitantes de Cerdedo e Cotobade aínda son diferentes se requiren á Garda Civil
Por Redacción |
-
Unanimidade en Cerdedo-Cotobade para aprobar accións en defensa da N-541 e do cuartel da Garda Civil
Por Redacción |