A Xunta colaborará na rehabilitación do vello cuartel da Garda Civil de San Xurxo como vivendas sociais
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, anunciaron o compromiso da administración autonómica de colaborar economicamente na rehabilitación do vello cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos para reconvertelo, mantendo a fisonomía actual do edificio, en 8 ou 9 vivendas sociais favorecendo así o acceso a unha vivenda digna ás familias que queiran vivir no municipio e contribuíndo deste xeito a fixar poboación.
A Xunta incluirá este proxecto dentro das axudas de concorrencia competitiva que pon en marcha a administración autonómica e que xa permitiron arranxar as antigas casas dos mestres de Cerdedo e do médico de Cotobade para transformalas tamén en vivendas sociais.
O rexedor amosouse moi esperanzado e sinalou que "xa temos bastante camiño andando agora só nos queda o visto bo do Ministerio de Fomento" para poder adquirir o antigo cuartel da Garda Civil en Barbeitos que se atopa en situación de ruína.
Cubela xa ten avanzados os trámites que xiran en torno a un anteproxecto construtivo elaborado por un estudio de arquitectos que valora en 1,4 millóns de euros o investimento necesario para transformar este coñecido edificio, que linda coa estrada nacional N-541.