A área sanitaria suma 29 novos positivos nun día mentres os hospitais viven un pequeno respiro con tres pacientes menos
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés viven un pequeno respiro tras varios días de incremento continuo de pacientes con covid-19. Este martes 20 de abril, o balance oficial do Servizo Galego de Saúde sobre a evolución da pandemia confirma que hai tres pacientes hospitalizados menos que o día anterior, un total de 29. É xusto a mesma cifra que o sábado, pero tres enfermos menos que o luns.
Non hai cambios na situación da unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, que ten cinco pacientes con covid-19, a mesma cifra que o luns, de modo que a redución de enfermos concéntrase nos hospitalizados en planta, 24, tres menos que o día anterior
Tampouco no Hospital do Salnés rexístranse cambios e mantén 6 pacientes ingresados en planta, pero a lixeira melloría notouse nas plantas de hospitalización do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, que pasaron de 21 a 18 pacientes nun día.
O número total de casos activos de covid-19 na área sanitaria é este martes inferior ao luns, pero isto non implica que se reduciron os contaxios. De feito, nas últimas 24 horas -con datos das 18.00 horas do luns- confirmáronse 29 novos positivos a través de probas PCR e de antíxenos. Neste período realizáronse, en concreto, 893 PCR, pero non hai datos das probas de antíxenos realizadas.
No mesmo período curáronse 37 pacientes, de modo que o número total de casos activos é de 440, oito menos que no último informe diario. Ademais dos 29 pacientes nos hospitais, hai 411 en illamento domiciliario.
Desde o inicio da pandemia curáronse 12.693 pacientes, faleceron 168 pacientes e realizáronse 200.130 probas PCR na área sanitaria.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
A nivel autonómico, este martes hai menos casos activos que o luns. En concreto, son 2.763, catro menos. Con todo, isto non significa que se reduciron os contagios, senón que houbo máis altas médicas que novos positivos. En concreto, detectáronse durante a última xornada 132 novos positivos.
A situación nos hospitais galegos non mellora. Este martes hai 198 pacientes, un menos que o luns, pero empeorou a situación nas unidades de críticos. Así, hai 37 pacientes en UCI, 4 máis, e 161 en planta de hospitalización.
Por áreas sanitarias, a situación é desigual e mentres na Coruña, Vigo e Ourense aumentan os casos, no resto hai un lixeiro descenso. Na área coruñesa hai 689 casos activos, 12 máis; na viguesa, 734, 2 máis; e en Ourense, 235, 9 máis.
No resto de Galicia, os casos activos baixan, con 440 en Pontevedra (8 menos), 355 en Santiago (15 menos), 203 en Lugo (2 menos) e 107 en Ferrol (2 menos).
Relacionadas:
-
Sanidade, "co foco posto" na comarca do Salnés, cunha incidencia acumulada de 201
Por Natalia Puga |
-
O Grove continúa con máximas restricións e Marín, Meaño, Ribadumia e Vilanova pasan a nivel alto
Por Redacción |
-
Falece unha muller por covid en Montecelo, tras 13 días sen vítimas mortais pola pandemia na área sanitaria
Por Redacción |
-
Continúa a progresión ascendente de casos activos por covid-19 que se sitúan en 448 na área sanitaria
Por Redacción |
-
A cuarta onda acelera na área sanitaria: suma 27 novos positivos nun día e sitúase en 428 casos activos
Por Natalia Puga | Creada e actualizada