Continúa a progresión ascendente de casos activos por covid-19 que se sitúan en 448 na área sanitaria
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés suma 34 novos contaxios por covid-19 durante este luns 19 de abril e chega aos 448 casos activos, 20 máis que na xornada do domingo. Deste grupo, 416 pacientes recupéranse nos seus domicilios, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade.
32 pacientes atópanse ingresados nos centros hospitalarios por coronavirus, un máis que hai 24 horas. 21 persoas atópanse ingresadas en planta do Hospital Montecelo mentres que seis recupéranse no Hospital do Salnés. A estas cifras hai que sumar os cinco pacientes que permanecen na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).
Polo momento mantense o número de 168 persoas falecidas na área sanitaria con motivo da pandemia. Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 12.656 persoas, 14 máis nas últimas horas.
Durante a xornada do domingo realizáronse 1.117 probas PCR nas que se rexistraron 30 novos positivos, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
GALICIA
En Galicia rexistráronse 154 novos casos nas últimas 24 horas, 28 casos máis que hai unha semana, e o número de positivos establécese en 2.767, con 166 persoas hospitalizadas en planta e 33 pacientes nas Unidades de Coidados Intensivos.
Durante as últimas 24 horas falecían dúas persoas por culpa desta enfermidade. A incidencia acumulada a 7 días é de 48 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a 14 días é de 89.
Por áreas sanitarias, Vigo experimenta o maior número de novos casos con 41, seguido por Pontevedra-O Salnés con 34; A Coruña, con 30; Lugo, 16; Santiago, 15; Ourense, 12 e Ferrol con seis novos positivos.