Sanidade, "co foco posto" na comarca do Salnés, cunha incidencia acumulada de 201
Por Natalia Puga
Galicia continúa, segundo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en "situación estable" de evolución da pandemia da covid-19, aínda que hai repuntes en cidades como Vigo que preocupan. Parte desa preocupación sitúase na comarca do Salnés, na que hai na actualidade unha incidencia acumulada a 14 días de 201 casos por cada 100.000 habitantes e a 7 días de 106.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, confirmou este martes, na comparecencia posterior ao comité clínico de expertos, que "seguimos co foco posto nesta comarca", aínda que o ritmo de contaxios retardouse nos últimos días.
Así, explicou que a IA a catorce días pasou de 170 a 201 e os parámetros a 7 días pasaron de 94 a 106, un ritmo de contaxios alto, pero inferior ao rexistrado nos últimos días.
O conselleiro de Sanidade desvinculou este aumento de casos e os brotes detectados no Salnés durante os últimos días dos visitantes que chegaron aos municipios turísticos durante Semana Santa. "En xeral esta situación non está no ámbito asociado ao turismo da Semana Santa. Son brotes doutra natureza. Non hai patrón asociado ao turismo de Semana Santa", explicou.
Especial mención require o Concello do Grove, a único da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que se atopa no nivel máximo de restricións. No seu caso, "freou lixeiramente o ascenso que tiña nas últimas semanas", aínda que "segue estando en cifras elevadas".
Neste municipio a incidencia acumulada é de de 532 a 14 días e 180 a 7 días.
En canto á comarca do Salnés, mantéñense en nivel alto de restricións Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa e en nivel medio, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis e Sanxenxo. Ademais, na área sanitaria tamén destaca que Marín está en nivel alto.
Os expertos sanitarios deron a coñecer que na global da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a incidencia acumulada a 7 días sitúase en 67 casos. Na cidade de Pontevedra é de 38.
DATOS DO MÉRCORES
Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este mércores hai na área sanitaria 452 casos activos, 12 máis que o martes. En total, confirmáronse 20 novos positivos, pero tamén houbo 8 pacientes que se curaron, de modo que hai eses 12 casos máis.
En canto aos hospitais, hai un paciente máis ingresado que o día anterior, aínda que, en realidade, houbo dúas que requiriron asistencia hospitalaria, pois nesa mesma xornada faleceu unha muller de 94 anos que estaba ingresada no Hospital Montecelo. En total, faleceron por este virus na área sanitaria 169 pacientes.
Os datos oficiais indican que hai un paciente máis na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo, un total de seis, e que hai o mesmo número de ingresados en planta. Son 24 pacientes, dos que 18 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 6 no Hospital do Salnés.
Ademais, hai 422 pacientes evolucionando en domicilio e ata o momento curáronse 12.701 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 1.032, que elevan a 201.162 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
A nivel autonómico, este mércores hai 2.811 casos activos, 48 máis que o martes, tras confirmarse 188 novos positivos.
Nos hospitais hai 202 pacientes, dos que están en unidades UCI e 162 en planta de hospitalización.
En toda Galicia, a porcentaxe de positividade mantense estable, sendo do 2,4 %, menos da metade do límite do 5 % que marca a OMS, e, en xeral, Carmen Durán fala de que "poderiamos falar dunha estabilidade bastante clara. A incidencia a 14 días é de 90 e a 7 días, de 44,9.
Relacionadas:
-
Sanidade, "moi pendente" de Marín, cunha incidencia a 14 días de 400 casos
Por Natalia Puga |
-
Vilanova pasa a partir do luns ao nivel máximo de restricións, no que se mantén O Grove
Por Natalia Puga |
-
A área sanitaria confirma 34 novos positivos nun día e alcanza os 461 casos e 28 pacientes hospitalizados
Por Natalia Puga |
-
Falece por covid-19 unha muller de 101 anos no seu domicilio en Poio
Por Redacción |
-
A vacina Janssen vai administrarse a pacientes dependentes que non poidan saír dos seus domicilios
Por Anxo Lourido |
-
Falece unha muller por covid en Montecelo, tras 13 días sen vítimas mortais pola pandemia na área sanitaria
Por Redacción |
-
A área sanitaria suma 29 novos positivos mentres os hospitais viven un pequeno respiro con tres pacientes menos
Por Natalia Puga | Creada e actualizada