O alcalde pregunta á Xunta que fará respecto á contaminación por mercurio en Ence-Elnosa
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que preguntará á Xunta de Galicia que fará respecto da contaminación por mercurio que revelan os informes da empresa ENCE nos que alerta de que os resultados deste mineral tóxico nas augas subterráneas son cada vez máis elevados e advirte sobre as consecuencias que estas verteduras puidesen ter sobre a saúde das persoas e sobre a ría.
"Eu estou moi preocupado porque estamos a falar de saúde, de contaminación grave e imos esixir que se tomen as medidas pertinentes", dixo Lores.
Nunha comparecencia de prensa celebrada este mércores, o rexedor trasladou a preocupación do goberno local por este asunto de "altísima gravidade", e lembrou que "nós como Concello sempre dixemos que o complexo Ence-Elnosa era unha bomba de reloxería situada na ría de Pontevedra", nunha área cunha poboación dunhas cen mil persoas.
Fernández Lores reiterou que "obviamente, é necesario trasladar ese complexo industrial" e "liberar" a ría para outros usos.
O rexedor nacionalista explicou que o informe de Ence é do pasado mes de febreiro e sinalou que "ese mercurio que está en augas subterráneas indiscutiblemente acabará na ría" polo que reclamará á "administración competente en materia de medio ambiente" que concrete que medidas pensa tomar respecto diso.
A fábrica de cloro da empresa Electroquímica do Noroeste (Elnosa) forma parte do complexo industrial de Lourizán e está actualmente en proceso de demolición das súas instalacións e descontaminación dos terreos, despois de que non obtivese permiso de Costas para seguir ocupando un espazo de dominio público marítimo terrestre na ría de Pontevedra.
O proxecto de descontaminación está avalado por Costas e pola Consellería de Medio Ambiente. Esta última é, tal e como lembrou o alcalde de Pontevedra, "quen ten competencias sobre o seguimento da descontaminación e desmantelamento" desta instalación industrial.
"A contaminación por mercurio non vén de agora, vén de moitísimos anos", incidiu Fernández Lores que cre que por mor dos traballos de desmantelamento de Elnosa incrementáronse o número de medidores e saltaron as alarmas.
O alcalde de Pontevedra explicou que no escrito que remitirá á consellería tamén pedirá que se realicen medicións de contaminación por mercurio no exterior dos terreos de Ence e Elnosa, na estación depuradora dos Praceres, así como na ría e que se aclare "se se produciron filtracións á cadea trófica" a través da inxesta por parte dos animais que podería chegar ao ser humano.
"Xa está ben de poñer escusas e de non tomar medidas", reprochou o alcalde.
REACCIÓN DO PARTIDO SOCIALISTA
O viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Pablo Arangüena, tamén aludiu este mércores ao informe interno de Ence alertando dos vertidos de mercurio procedentes da súa antiga filial, Elnosa, que a Xunta "parece ser que coñecía".
Reclamoulle ao goberno galego que dea conta de forma urxente desta situación que "é un exemplo de como a actividade industrial na costa non é inocua, xera externalidades de todo tipo, pode xerar problemas graves de contaminación e ten que ser regulada e vixiada".
Alertou de que mentres o goberno galego alude a "un elemento no chan nunha concentración superior ao nivel de referencia" e que "non ten que supoñer un problema", cando "non se trata dun elemento calquera, como parece suxerir despreocupada e alegremente a Xunta, senón dun dos elementos máis tóxicos que existen, como é o mercurio".
Relacionadas:
-
O BNG solicita a documentación sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE
Por Redacción |
-
O Concello pide á Xunta que se verifiquen os niveis de mercurio na contorna de Ence-Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Ence nega que a presenza de mercurio se deba á súa actividade
Por Oskar Viéitez |
-
O PSdeG e Podemos esixen responsabilidades pola contaminación por mercurio
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta defende que os niveis de mercurio detectados en Lourizán "agora mesmo non superan os límites establecidos"
Por Diego Espiño |
-
ENCE alerta nun informe interno de verteduras de mercurio á ría procedentes do desmantelamento de Elnosa
Por Redacción |