Agustín Hernández recoñece que "cambios na lexislación" abren a porta á continuidade de ENCE e de Elnosa
Por Redacción
O conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, falou este xoves nunha visita a Marín da continuidade das fábricas de Ence e de Elnosa na súa actual localización na ría de Pontevedra.
A preguntas do xornalista de Radio Nacional, Pablo Lago, o conselleiro falou de "discrepancias" respecto á interpretación dos prazos da Autorización Ambiental Integrada de Elnosa "que está a ser estudada polo equipo xurídico" e admitiu negociacións coa empresa para fixar un calendario para a súa saída da ría que "non se pode prolongar máis alá do 2018".
"Temos unha negociación coa empresa para establecer un calendario de abandono de Elnosa da súa actual situación, polo tanto creo que estamos traballando na liña positiva para resolver un problema e creo que seremos quen de poñer data de finalización de Elnosa como industria que non está na situación axeitada", dixo Agustín Hernández.
O titular de Medio Ambiente no Goberno galego insistiu nos novos condicionantes legais, que supoñen a eliminación da data de caducidade nas autorizacións ambientais e por outra parte prorrogan o prazo de tempo para que as industrias electroquímicas incorporen tecnoloxías máis modernas e menos contaminantes e perigosas.
Agustín Hernández: "O que ten que ter claro ENCE é que a súa permanencia na ría non vai ser 'si ou si' e por suposto en ningún caso será como ate de agora"
Non obstante o conselleiro puntualiza que "as negociacións se desenvolven co obxectivo irrenunciable da Xunta de que Elnosa abandone a ría de Pontevedra antes do ano 2018" que é cando lle caduca a actual concesión. "Creo que o acordo é posible", avanzou.
No caso concreto de ENCE, atendendo as preguntas da xornalista Mar Novás, da Radio Galega, o conselleiro asegurou que o Goberno galego non variou a súa postura sobre a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra pero recoñece que a lexislación ambiental foi modificada o que "pode significar cambios" respecto a todo o complexo industrial de ENCE e de Elnosa en Lourizán o que deixa a porta aberta a unha moratoria respecto á permanencia das fábricas.
Hernández subliñou que a Xunta estudará a petición de continuidade de Celulosas con "rigor e seriedade" dixo "a Xunta de Galicia analizará esa petición con total obxectividade, analizará cunha visión do interese xeral como non pode ser doutro xeito, e lóxicamente determinará ou que teña que dicir ao respecto" e engadiu "lóxicamente o que ten que ter claro a empresa é que a súa permanencia na ría non vai ser 'si ou si ' e por suposto en ningún caso será como ate de agora", concluíu.
Relacionadas:
-
ENCE prepara xa a solicitude de prórroga en Lourizán e Arregui arremete contra o goberno local e a APDR
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
A APDR denunciará á Xunta no caso de que prorrogue a autorización ambiental de Elnosa
Por Redacción |
-
Os socialistas esixen á Xunta que non renove nin dea máis moratorias a Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Fernández Lores afirma que o recurso de Elnosa é un 'paripé' xa que a Xunta non ten intención de pechala
Por Oskar Viéitez |
-
Elnosa presenta un recurso ante o TSXG para evitar abandonar Lourizán en 2014
Por Redacción |