A corporación condena a "violencia" de ENCE e declara o seu presidente "non grato" en Pontevedra
A corporación municipal de Pontevedra declarou este luns a Ignacio de Colmenares, presidente de Ence, como "persoa non grata" na cidade. Fíxoo cos votos de BNG e PSOE. Toda a oposición -PP e o edil non adscrito Goyo Revenga, opúxose a esta medida.
En defensa desta iniciativa tomou a palabra o nacionalista César Mosquera, que responsabilizou a Colmenares de "dirixir e permitir" o escrache violento sufrido polo alcalde e membros do seu goberno. "Chove sobre mollado", sinalou o edil, que apuntou que "se pisaron todas as liñas vermellas e todos os límites que se poden cruzar".
"Está clarísimo quen manda", segundo Mosquera, nuns feitos que vinculou cunha "Enceborroka". Ante eles, asegurou, o PP equivócase "profundamente" ao vincular o seu futuro político a unha empresa "deste calibre" e cun comportamento "discutible".
A este respecto, Mosquera desvelou que o presidente de Ence remitiu unha carta ao alcalde na que, sen mencionar este "asalto" -como o definiu o edil-, lamenta que se lle vaia a nomear como persoa non grata por un vídeo "sacado de contexto".
O socialista Tino Fernández, pola súa banda, lamentou que Ence decidise "recrudecer" a súa estratexia para "influír" na opinión pública e, para iso, conte co apoio de partidos políticos e sindicatos "que asumen as teses da empresa como dogmas de fe".
Entende que á empresa "non lle interesan os traballadores nin a cidade" senón tan só os seus beneficios e acusou a Comisións Obreiras de actuar como "mamporreros" e ao PP de "connivencia" cunha violencia que foi instigada desde a compañía.
"Fóiselle das mans. É o que pasa cando creas un monstro, que corres o risco de perder o control", sinalou o líder do PSOE, que considera que Ignacio de Colmenares "reflexou a verdadeira cara da empresa e sen filtros" co seu polémico vídeo.
Farto de que o vinculasen con actos violentos e escraches que, segundo dixo, son "de todo punto inaceptables", o portavoz do PP, Rafa Domínguez lamentou que se lle acusase "sin pruebas" de fomentar estes incidentes e asegurou que dimitirá "si presentan alguna".
Domínguez asegurou que "me da pena" que Pontevedra sexa coñecida por "insultar" nos seus plenos, lembrando que xa Mariano Rajoy foi nomeado como persoa non grata "mientras hay asesinos, violadores y maltratadores que no lo son".
Esta declaración sobre Colmenares, engadiu, resúltalle "poco apropiada" tendo en conta que ante unha posible mesa de negociación "él va a tener que estar sentado en ella".
O líder popular asegurou que o PP "defende los puestos de trabajo" que crea a actividade de Ence e chegou a sinalar na súa intervención que se chega outra empresa que garanta ese emprego nas mesmas condicións "que le den por saco a Ence".
"Pontevedra se parece cada vez más a un arrase al que no vienen empresas", aseverou Domínguez, que acusou ao goberno municipal de"jugar con el futuro de muchas familias" e de ser "insensibles" ao sufrimento que atravesan pola súa actual situación.
Á cidade, segundo o edil do PP, "ya no quieren venir empresas porque las echan".
A este respecto, Carme da Silva, que denunciou o "seguidismo" e o "servilismo" do PP aos intereses da pasteira, reiterou que Ence "non pode estar nesa ubicación" e subliñou que "o mellor" para o futuro da ría de Pontevedra, para manter os postos de traballo e para lograr un sector forestal "viable" é que se traslade a outra localización.
Tino Fernández lamentou que o "mantra" dos que defenden a Ence sexa sempre que "non é o momento" para buscar unha alternativa á situación da fábrica de Lourizán. "Nós queremos ser axentes de diálogo", asegurou, mediante unha mesa de traballo que permita manter o emprego "e recuperar algo que é noso".
A actividade industrial, advertiu Fernández, "tense que ir de Lourizán", pero entende que "pode permanecer na comarca" se se aborda mediante un proceso de diálogo "sinceiro" entre administracións, empresa e traballadores, sen que haxa "ameazas, coaccións nin insultos".
Relacionadas:
-
A espada de Damocles que pende sobre ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local vincula as pintadas contra o alcalde coa 'Enceborroka'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores, no xulgado polo "asalto" á Alcaldía: "A min non me van a acovardar"
Por Alejandro Espiño |
-
Bará acusa o PP e a ENCE de usar empresas de mar-industria como "escudo humano"
Por Redacción |
-
Lores asistirá "por cortesía" á mesa de traballo de ENCE pero non ve "imprescindible" a súa presenza
Por Alejandro Espiño |
-
O presidente de Zona Franca ofrécese a participar na mesa sobre Ence e afirma que "non pode seguir na Ría de Pontevedra"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Ence chega ao Parlamento: o PP di que non hai plan B para o emprego, o PSOE pide diálogo e o BNG, sacar a fábrica da ría
Por Manu Otero |
-
A Xunta aínda non foi convocada para participar nunha mesa de diálogo sobre ENCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Mosquera asegura que o PP "uniu o seu destino" a ENCE "a saber a cambio de que"
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras confía na ministra Ribera e rebaixará a intensidade das mobilizacións no conflito de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno comprométese a convocar ás partes implicadas para abordar o futuro dos postos de traballo de ENCE
Por Oskar Viéitez |