Lores asistirá "por cortesía" á mesa de traballo de ENCE pero non ve "imprescindible" a súa presenza
Por Alejandro Espiño
Ante a posible convocatoria dunha mesa de traballo para abordar o futuro da fábrica que Ence ten en Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores avanzou que se é convidado a este foro el acudirá "por cortesía", pero entende que a súa presenza "non é imprescindible".
O alcalde entende que nesta mesa de traballo deben sentar as dúas administracións que teñen competencias en materia de ordenación do territorio ou industria, o Estado e a Xunta, xunto coa propia empresa e, en todo caso, unha representación dos traballadores.
Máis interlocutores, sinalou, poderían provocar "interferencias" nunha posible negociación, especialmente cando estes, segundo Fernández Lores, carecen de lexitimidade para adoptar as decisións "pertinentes", como é o caso da administración municipal.
O Concello, reiterou o alcalde, ten unha posición "moi clara" respecto de Ence, que pasa polo seu traslado da ría de Pontevedra, polo que entende que se o Ministerio para a Transición Ecolóxica lles convidan a esta mesa "non empezan ben as cousas".
Parafraseando unha cita atribuída a Napoleón, Lores sinalou que "cando se quere resolver un problema noméase a un responsable e cando queres marear a perdiz créase unha comisión", engadindo que é menos operativa canto máis grande e diversa é.
"Hai que tomar decisións e coller o touro polos cornos", dixo o alcalde, que considera que deben facelo as "tres patas" que forman os gobernos central e autonómico e a empresa.
Iso si, Miguel Anxo Fernández Lores afirma que el non é o indicado para limitar a asistencia a este foro e considera que "se a xente quere achegar ideas e orzamento, perfecto", en referencia ao posible uso de fondos europeos para financiar o traslado de Ence.
O alcalde reiterou que a "data máxima" de permanencia da fábrica pasteira en Pontevedra será o ano 2033 e así, segundo avanzou, podería pronunciarse a Audiencia Nacional se se cumpren os "rumores" que existen en ambientes xudiciais e económicos.
A este feito, segundo o responsable municipal, responde o "balbordo" que iniciou a compañía nas últimas semanas, "tentando loitar contra a lexislación vixente". Ante esta situación, Lores instoulles a aproveitar ese tempo para "buscar alternativas".
Relacionadas:
-
Transición Ecolóxica convoca para este mércores a mesa de traballo sobre o futuro de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
A APDR cualifica de "ridículo" un argumento da Confederación de Empresarios de Galicia para defender a ENCE
Por Redacción |
-
ENCE defenderá a continuidade da súa fábrica en Pontevedra aínda que recoñece "incertidumbres"
Por Alejandro Espiño |
-
Traballadores de Ence concéntranse fronte á Deputación durante a celebración do pleno
Por Manu Otero |
-
O presidente de Zona Franca ofrécese a participar na mesa sobre Ence e afirma que "non pode seguir na Ría de Pontevedra"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Ence chega ao Parlamento: o PP di que non hai plan B para o emprego, o PSOE pide diálogo e o BNG, sacar a fábrica da ría
Por Manu Otero |
-
A Xunta aínda non foi convocada para participar nunha mesa de diálogo sobre ENCE
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A corporación condena a "violencia" de ENCE e declara o seu presidente "non grato" en Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |