Costa e Cubela solicitan á Xunta a continuidade de mellora da PO-230 entre Praderrei e Serrapio
Por Redacción
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e o de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, solicitan á Xunta de Galicia a necesidade de seguir mellorando a estrada autonómica PO-230.
Para iso, dirixíronse a Consellería de Infraestruturas, que dirixe Ethel Vázquez, e pediron que nos plans de investimento do goberno autonómico teñan en conta a importancia de acometar as novas fases de mellora e ampliación da estrada que vertebra ambolos dous concellos entre Praderrei e Serrapio. Esta vía dá acceso aos veciños e veciñas que residen nas poboacións Praderrei, Fentáns, Parada, San Isidro, Fornelos e Serrapio.
Xa con anterioridade, a Xunta de Galicia acometeu a primeira fase da mellora desta estrada, concretamente no vial que comunica a ponte de Serrapio con Vichocuntín, no entronque coa Nacional 541. É por iso que agora, Costa e Cubela solicitan que o proxecto avance e se lle dea continuidade afrontando a mellora do tramo entre Serrapio e Praderrei ampliando a plataforma polo menos ata os sete metros, como a modificación feita na primeira fase, e suprimindo varias curvas do trazado actual para facilitar a condución e a seguridade viaria.
Durante a mañá deste venres, os alcaldes percorreron este vial facendo diferentes paradas para comprobar os problemas de seguridade viaria que presenta esta estrada en varios puntos debido a súa estreitez e sinuosidade que "fai que nalgunhas zonas o paso de vehículos de grande porte se faga con dificultade e incluso os camións, sobre todo os madeireiros, se vexan obrigados a invadir o carril contrario", indicaron.
Segundo salientou Jorge Cubela, "o que pretendemos é que a Xunta dea continuidade a unha actuación moi importante no seu momento, pero que precisa de ser completada ata Praderrei. Estamos facendo xa xestións ante a Consellería de Infraestruturas, que dirixe Ethel Vázquez, para que a Xunta priorice, dentro das súas obras, esta actuación que é moi necesaria pola estreitez da plataforma, a sinuousidade do seu trazado e a perigosidade para o tránsito de vehículos de gran porte, como camións que as veces se ven obrigados a invadir o carril contrario".
Así mesmo, Carlos Costa manifestou "o gran uso que ten esta estrada que vertebra parte do interior da provincia de Pontevedra e que é a vía de comunicación fundamental entre os veciños de Praderrei, Fentáns, San Isidro, Parada, Fornelos e Serrapio e que precisa de continuar cunha actuación da que se fixo a primeira fase e que agora agardamos que se continúe para que se acade o obxectivo desa actuación que non é outro que mellorar a conexión por estrada dos veciños de ámbolos dous concellos coas principais vías de alta capacidade, como a N-541 e tamén cos distintos núcleos de poboación diseminados polo noso rural".