"Justine" pon o litoral pontevedrés en alerta laranxa
Por Manu Otero
Unha borrasca que entrará este venres pola costa noroeste do país pon a todo o litoral galego en alerta. Justine, como foi bautizado este temporal, chegará con fortes refachos de vento, ondas de gran altura e abundantes choivas ao longo de toda a fin de semana. A peor parte levaraa a costa lucense e o norte da Coruña, onde está activada a alerta vermella a partir do sábado.
Na provincia de Pontevedra, o nivel de precaución é o laranxa, o que implica un risco meteorolóxico importante por fenómenos pouco habituais.
Os avisos de Meteogalicia están vixentes desde este venres cun nivel amarelo en toda a costa galega por ventos de ata 70 quilómetros por hora en Pontevedra, poderían superar os 80 noutros puntos de Galicia. Na provincia tamén se prevé a caída de máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas e ventos do sur de Forza 7 nas Rías Baixas.
Con todo, a peor parte do temporal chegará o sábado con ondas de ata 8 metros na costa pontevedresa, así como os mesmos niveis de choiva e vento que na xornada anterior. Con máis forza azoutará Justine a costa norte galega. Xa na xornada do domingo, aínda que se mantén o aviso laranxa, a intensidade das choivas, o vento e as ondas irá decaendo.
A Xunta lembra nas zonas afectadas polo paso da borrasca a importancia de manterse afastados da liña de costa, incluídos os paseos marítimos. e todas as zonas que poidan ser varridas polo mar.
Relacionadas:
-
As chuvias previstas para esta última semana de xaneiro tamén invitan a quedar na casa
Por Redacción |
-
Este martes entrará polo Atlántico un tren de borrascas
Por Redacción |
-
Fin de semana de manta e sofá para combater a friaxe que permanece durante este xaneiro nas Rías Baixas
Por Redacción |
-
A borrasca Bella arremete contra a decoración de Nadal de Pontevedra
Por Redacción |