As chuvias previstas para esta última semana de xaneiro tamén invitan a quedar na casa
Por Redacción
As previsións meteorolóxicas tamén se suman á proposta de restrinxir as saídas e esta última semana de xaneiro chegará con tempo inestable e predominio de choivas nas Rías Baixas, segundo as predicións do servizo de Meteogalicia.
Este luns 25, unha fronte estacionaria deixará un día de ceo cuberto en xeral con precipitacións xeneralizadas en toda Galicia. As temperaturas subirán lixeiramente para situarse entre os 12 e os 14 graos. O vento soprará frouxo de dirección variable.
Para a xornada do martes, Galicia permanecerá con vento do suroeste, que achegará moita humidade. O ceo permanecerá cuberto en xeral e produciranse precipitacións débiles e persistentes na franxa atlántica. As temperaturas seguirán ascendendo lixeiramente establecéndose con mínimas de 13 e máximas de 15 graos. O vento soprará frouxo do suroeste.
Durante o mércores, Galicia atoparase entre as altas presións procedentes do sur de Portugal e unha borrasca ao suroeste de Irlanda, que establecerán un corredor de ventos de compoñente sur. O ceo continuará cuberto na metade oeste con algunha precipitación na franxa atlántica. As temperaturas apenas experimentarán cambios significativos. O vento soprará frouxo do sur na primeira metade do día e forte entre a tarde e a noite.
O mes concluirá coa presenza de vento do suroeste e con altas probabilidades de precipitacións a partir do venres e durante a fin de semana, ante a posible chegada dunha nova borrasca a toda a península Ibérica. As temperaturas serán suaves e situaranse entre os 8 e os 13 graos.