Fin de semana de manta e sofá para combater a friaxe que permanece durante este xaneiro nas Rías Baixas
Por Redacción
Continuará o frío durante os próximos días nas Rías Baixas, segundo as predicións do servizo de MeteoGalicia. Non se esperan cambios significativos durante este venres 8 de xaneiro. Os ventos manteranse frouxos de compoñente norte con aire moi frío, con incremento de intensidade durante a noite. As temperaturas rexistradas durante a mañá situáronse en -1 graos nas Rías Baixas e espéranse máximas de ao redor de 13 graos. Mantéñense as xeadas durante a madrugada. Espérase neve en cotas ao redor dos 300-400 metros.
Para a fin de semana a situación manterase na mesma liña. Galicia vai atoparse o sábado nunha situación intermedia entre as altas presións do Atlántico e a borrasca que se sitúa no Mediterráneo. Con este escenario formarase un corredor de ventos do norte coa introdución de aire aínda máis frío que en xornadas anteriores. Nas Rías Baixas, as temperaturas establécense entre 1 e 12 graos, con sensación de moito frío e xeadas xeneralizadas.
Tamén o domingo manterase a influencia das altas presións sobre Galicia, con ventos intensos do nordés. Os ceos alternarán nubes e claros, coa posibilidade de apertura de grandes claros durante a tarde na provincia de Pontevedra. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, pero manterase a formación de xeadas de madrugada e a sensación térmica continuará sendo de frío intenso debido aos ventos fortes do nordés. Os termómetros variarán entre os 2 e os 10 graos.
Durante o inicio da próxima semana, a posibilidade de precipitacións continuará sendo moi baixa e as temperaturas comezará a ascender a partir do martes 12, quedando en valores habituais do mes de xaneiro, entre os 3 e os 13 graos.